“La Playa de los Ahogados” pecha o ciclo de cinema ao aire libre en Nigrán

Concello de Nigrán e Cineclub Val Miñor-Alice Guy finalizan este luns o seu primeiro ciclo de cinema ao aire libre ás 22:30 na Praza do Concello proxectando “La Playa de los Ahogados” coa presenza de Domingo Villar, escritor vigués desta novela localizada boa parte en Nigrán e que deu orixe á película. A longametraxe de Gerardo Herrero ten tamén moita vinculación co municipio ao respectar estas localizacións da trama.

Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata a beira da praia da Madorra. Se non tivese as mans atadas, Justo Castelo sería outro dos fillos da mar que atopou a súa tumba entre as augas mentres faenaba. Sen testemuñas nin rastro da embarcación, o inspector Leo Caldas mergúllase no ambiente mariñeiro de Panxón para esclarecer o crime, pero os veciños resístense a desvelar as súas sospeitas.

“La Playa de los Ahogados” pon fin ao ciclo iniciado en xullo con “O que Arde” e a presenza do seu actor principal, Amador, e “La Quimera del Oro” con banda sonora en directo a cargo do guitarrista de Nigrán Felipe Villar.