Nigrán e Baiona acollerán seis actuacións do programa Cultura no Camiño

FOTO: XUNTA DE GALICIA

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Turismo de Galicia, co patrocinio de Gadis, levarán ata finais de setembro un total de 371 actuacións por 98 concellos de toda Galicia -un de cada tres do territorio autonómico- polos que pasan as diferentes rutas xacobeas.

Nigrán e Baiona, vilas polas que pasa o recentemente oficializado Camiño Portugués pola Costa, acollerán un total de 6 espectáculos, musicais, de maxia, de novo circo e teatro infantil.

En Nigrán, o primeiro será o 8 de xullo ás 18:00 horas no Porto de Panxón, co “Pasarrúas Máxico” de A illa dos nenos. O 25 de xullo, o Mago Javier Muro ofrecerá o seu espectáculo “Sintonía Máxica” en Santiago de Parada, tamén ás 18:00 horas. Na Praza de San Campio da Ramallosa actuará a Compañía Asacocirco o 12 de agosto ás 17:30 horas. Finalmente, o 27 de agosto ás 17:00 horas na Praza do Concello, Troula Animación presentará a obra de teatro infantil “Hakuna Matata”.

En Baiona, a primeira das dúas actuacións, que se desenvolverán ás 23:00 horas na Praza do Concello dentro do programa Bai Verán 2017, será o 25 de xullo con Faltriqueira en concerto. O 22 de agosto, o Mago Cayetano Lledó ofrecerá o seu espectáculo “Sherlock Holmes”.

O investimento de Cultura no Camiño ascende a 544.287,47 euros, que asumen a Xunta de Galicia, os concellos participantes e mais Gadis. Moitos dos alcaldes e responsables municipais destas localidades asistiron hoxe tamén á presentación realizada no compostelán Museo das Peregrinacións e de Santiago, símbolo e centro difusor do fenómeno xacobeo.

Reforzar os Camiños

As funcións prolongaranse ata o 30 de setembro, coincidindo ademais co período de maior auxe das peregrinacións e contribuíndo a enriquecer o programa turístico dos concellos participantes. A este respecto, o conselleiro lembrou que a Xunta ten un firme compromiso cos Camiños de Santiago, polo que se está traballando para reforzar o atractivo de modo que cada unha das súas paradas sexa inesquecible para o visitante.

Artes escénicas, música e circo

O programa vertebra un extenso circuíto de distribución de producións escénicas e musicais galegas, e resulta un exemplo de traballo colectivo e de colaboración institucional para ofrecer a mellor programación posible, involucrando a distintas administracións, pero tamén a creadores, compañías, xestores e programadores nun ciclo pensado, deseñado e realizado por e para o público. Treixadura. Guadi Galego, Uxía, Elefante Elegante, Cé Orquestra Pantasma, Caramuxo Teatro, Raquel Queizás, Rosa Cedrón, Pistacatro, A Tropa de Trapo, TrasPediante, Sarabela Teatro, Talía Teatro, o Mago Teto… son só algúns dos artistas que farán as delicias de grandes e pequenos nestes 98 concellos ao longo de toda a primavera e o verán.

Por provincias, a que conta con máis participantes é A Coruña (34 concellos e 124 actuacións), seguida de Pontevedra (24 concellos e 96 actuacións), Lugo (24 concellos e 94 actuacións) e Ourense (16 concellos e 57 actuacións). En canto ao tipo de actividades, a predominante será o teatro, con 161 funcións, seguido da música (102 actuacións), a maxia (69), o novo circo (32) e a danza (7); todos eles espectáculos producidos recentemente en Galicia. A meirande parte terán lugar en emprazamentos ao aire libre, co que se multiplica a súa visibilidade e o seu impacto en relación coa dinamización cultural en Galicia.

Nigrán
08/07/2017 – 18:00 h. Porto de Panxón: A illa dos nenos – Pasarrúas máxico (Maxia)
25/07/2017 – 18:00 h. Santiago de Parada: Mago Javier Muro – Sintonía Máxica (Maxia)
12/08/2017 – 17:30 h. Praza de San Campio Ramallosa: Compañía Asacocirco (Novo circo)
27/08/2017 – 17:00 h. Praza do Concello: Troula Animación – Hakuna Matata (Teatro infantil)

Baiona
25/07/2017 – 23:00 h. Praza do Concello: Faltriqueira en concerto (Música)
22/08/2017 – 23:00 h. Praza do Concello: Cayetano Lledó – Sherlock Holmes (Maxia)

Anuncios