Inscricións abertas para a XIV Baixada de Carros de Bólas de Camos

O Concello de Nigrán e a Asociación Eixotolo organizan o próximo 15 de agosto a XIV Baixada de Carros de Bólas na parroquia de Camos, evento para o cal están abertas as inscricións a través do teléfono 648 023 014 ata o día 10 de agosto, cun prezo de 10 euros. É obrigatorio o uso de casco, codeiras, xeonlleiras e contar con sistema de freado. Nesta edición será obrigatorio tamén o uso de máscara. É tamén requisito indispensable que as rodas sexan rodamentos de aceiro.

A tradicional baixada de carros de bólas na parroquia de Camos foi recuperada fai cinco anos polo Centro Cultural A Camoesa, o Concello de Nigrán e Eixotolo tras máis dunha década sen celebrarse. Nesta ocasión o evento deportivo comezará ás 17:00 horas coas verificacións. Ás 19:00 horas será a primeira proba de adestramento. Para pechar a xornada, ás 23:00 horas actuará o dúo Sabor Latino.

Os participantes menores de idade deberán contar coa autorización asinada polo seu pai/nai/titor coas copias do DNI de ambos. Cada participante asinará un papel coas normativas da proba e no caso dos menores será asinado tamén polo pai/nai/titor.