O Val Miñor volve perder un ano máis o Obradoiro de Emprego Ecomiñor

A comarca do Val Miñor volve perder unha vez máis o obradoiro de emprego denominado ECOMIÑOR, subvencionado integramente pola Xunta de Galicia. Dito obradoiro ía permitir a contratación e formación de 16 veciños da comarca ademais de dar emprego a 3 docentes e 1 auxiliar administrativo. Esta é a segunda vez consecutiva que o Val Miñor quédase sen este obradoiro. O ano pasado foi motivado pola falta de acreditación da titularidade dos obxectos de actuación do obradoiro.

Este ano a Xunta de Galicia dotou aos obradoiros un maior orzamento, incrementando de 6 a 12 os meses de duración dos mesmos. Ademais ampliáronse os criterios de puntuación dos proxectos, de xeito que valorábanse máis o emprego das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, a participación do tecido empresarial nos proxectos co compromiso de contratación, as características técnicas do programa e a metodoloxía, entre outros. Segundo denuncia o Partido Popular, en troques de presentar un proxecto ambicioso, a Mancomunidade do Val Miñor presentou o mesmo programa do ano pasado, obtendo a peor puntuación dos 42 proxectos presentados.

“Nótase a falta dun proxecto común, así como a nula capacidade dos dirixentes socialistas no Val Miñor para acadar axudas e iniciativas para os veciños. Nun Val con dous polígonos industriais e infinidade de industrias, cun sector comercial e de servizos envexable e unha superficie forestal considerable para poder facer un proxecto de obradoiro moi ambicioso, aos nosos alcaldes só se lles ocorre presentar un proxecto moi básico, cun copia e pega do presentado o pasado ano”, manifestaron os voceiros do Partido Popular do Val Miñor.

Os voceiros do Partido Popular lamentan que 16 veciños do Val Miñor perdan esta grande oportunidade de formación remunerada e con posibilidade posterior de acadar un posto de traballo ou poder formar a súa propia empresa. “Sentimos unha vez máis a pouca sensibilidade, esforzo e unión dos tres alcaldes do Val Miñor, que no momento máis crítico e duro das últimas décadas desaproveiten novamente unha ocasión para axudar aos nosos veciños, coa prioridade máxima que temos agora mesmo que é o emprego”, quéixanse os voceiros do PP miñorano.