O XIV Nigranjazz recibe hoxe na Foz á vocalista Yumi Ito e mañá ao saxofonista Perico Sambeat

O Concello de Nigrán retoma hoxe o Nigranjazz no tradicional escenario natural do esteiro de A Foz (A Ramallosa) coa actuación estelar da xaponeso-polaca Yumi Ito, quen pola mañá ofreceu unha master-class no Auditorio Municipal. O sábado será a quenda da gran lenda nacional do saxofón Perico Sambeat. O festival por vez primeira ampliou espazos e duración para disgregar ao público interesado, arrancando este mércores en Patos con Virxilio Da Silva e o xoves en Panxón con Sergio de Miguel.

O escenario da Foz contará este ano con dous concertos excepcionais ao seren dúas formacións moi novas e moi talentosas: hoxe a vocalista, compositora e produtora Yumi Ito debutará con Wilfried Wilde á guitarra, Jakub Dworak ao contrabaixo e Iago Fernández á batería e mañá, no mesmo escenario, o pianista vasco David Cid tocará cun trío, nesta ocasión acompañado polo lendario saxofonista valenciano Perico Sambeat, Xurxo Estévez ao contrabaixo e Joan Casares á batería. Ambas as formacións son un claro exemplo de músicos novos, bandas con presenza de músicos galegos e internacionais… O aforo estará limitado e contará con todas as medidas sanitarias para o seu correcto desenvolvemento, polo que a organización recomenda que se acuda con tempo suficiente

“Ampliar espazos e duración e unha solución ante as restricións de aforo para achegar e facilitar ao público a súa asistencia ao festival dunha ou outra maneira e, más que nunca, queremos redobrar o noso esforzo por dar máis oportunidades aos novos valores do jazz galego nunha situación tan delicada como a que está a vivir no mundo da cultura en xeral e da música en directo en particular”, sinala o alcalde, Juan González, en referencia a crise sanitaria que tan duramente afecta a este sector.

Nigranjazz apostou sempre por combinar o mellor jazz internacional co talento nacional e, sobre todo, galego. Nos últimos anos tivemos o privilexio de contar con figuras internacionais de primeira liña como Kurt Rosenwinkel, Peter Bernstein, Kevin Hays, Gilad Hekselman, Michael Kanan, Chris Cheek, Jorge Rossy, Deborah Carter, Jean Michel Pilc… Pero sempre se ofreceu o escenario aos músicos galegos xa máis consagrados ou ás novas e promesas. Así, tamén pasaron por Nigrán nomes coma Abe Rábade, Iago Fernández, Xan Campos, Paco Charlín, Virxilio Dasilva, Yago Vázquez, Telmo Fernández, Xosé Miguelez…

Nigranjazz volve a apostar este ano por unha muller como cabeza de cartel nun mundo do jazz tamén dominado por homes e emprende unha serie de accións destinadas a mellorar a súa sustentabilidade, a súa accesibilidade e o seu respecto pola ecoloxía. Dispoñeremos de contedores de reciclaxe en todo o recinto, limitaremos o uso de plásticos promovendo a reutilización dos nosos vasos personalizados, facilitaremos formas de pago máis seguras e hixiénicas… Paralelamente, estarán dispoñibles o 24 e 25 na Foz as mochilas vibratorias para as persoas xordas… Todo iso encamiñado a facer do festival un espazo cada vez máis inclusivo, respectuoso e exemplar.

Cartel gañador

O deseño do cartel gañador do concurso “Quin Alborés” destiñado a promover o Nigranjazz pertence ao deseñador gráfico catalán Leonardo Abate, vencedor por segundo ano consecutivo entre algo máis de cen propostas, record absoluto de participación ata a data. O xurado destacou a súa orixinalidade, calidade da composición, orixinalidade e fusión novamente da natureza e da música como unha das cuestións máis senlleiras do festival.