O Banco de Alimentos reparte máis de 1 millón de quilos de alimentos no que vai de ano

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo repartiu máis de 1 millón de quilos de alimentos no que vai de ano coincidindo co estado de alarma e os meses máis duros do confinamento. No primeiro semestre de 2020, a ONG entregou un total de 1.001.425 quilos de comida entre os colectivos sociais cos que traballa, dando resposta, ademais, ao incremento da necesidade debido á pandemia.

Foi precisamente a chegada do Covid-19 a que imposibilitou a celebración das tradicionais Operacións Quilo coa presenza de voluntarios presenciais nos supermercados e isto obrigou á entidade a “reinventarse” lanzando a súa primeira recollida virtual de comida, un éxito sen precedentes: máis de 80.000 quilos de comida recadados en tan só un mes.

A Fundación Provincial Banco de Alimentos agradece publicamente o respaldo social recibido na devandita campaña online impulsada por numerosos rostros coñecidos como o cantante Amaro Ferreiro, a escritora Ledicia Costas ou o xornalista Gonzo. Así mesmo, destácase a implicación e o apoio recibido por parte de numerosas empresas coas que se conseguiu facer fronte á atención urxente de máis de 25.000 persoas sen recursos da provincia.

Avalancha de necesidade

Durante os próximos meses prevese un empeoramento dos efectos da crise co que no Banco de Alimentos trabállase xa en novas fórmulas solidarias para seguir facendo provisión de produtos básicos e poder dar resposta á avalancha de necesidade que se espera.

Neste mes de xullo, está a repartirse o dobre de alimentos ás entidades homologadas co fin de cubrir as necesidades tamén de agosto. Con todo e, do mesmo xeito que durante todo o estado de alarma os almacéns de Vigo e Pontevedra permaneceron abertos por ser servizo esencial, en agosto está previsto contar cun equipo de voluntarios operativo para xestionar as correspondentes entregas e doazóns. Aínda que a actividade rebaixarase, a actividade continuará.

A ONG, que acaba de cumprir 25 anos de actividade, repartiu ao redor de 1,8 millóns de quilos de alimentos durante 2019, a través das 150 entidades homologadas coas que traballa. A entidade non reparte comida a particulares, senón que chega a eles mediante os colectivos sociais.

O Banco de Alimentos, que se caracteriza por ser apolítico e aconfesional, dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable de maneira gratuíta. Actualmente, cobre o 35% das necesidades das persoas ás que axuda.