Xa está en Baiona o groso de nadadores –son 161 deportistas de toda España, Portugal e Arxentina– que mañá sábado, 8 de setembro, disputarán en augas da ría de Vigo a travesía Cíes-Baiona, a primeira proba da Triple Corona Illas Atlánticas. A proba ten saída desde a praia de Rodas, en Cíes, e penétrase 15 quilómetros na ría, ata a meta situada na praia de Ribeira, en Baiona.
A previsión meteorolóxica anuncia un día asollado con algunhas nubes e temperaturas exteriores entre os 16º e 26º, vento suave (10 km/h; 6 nós), ondada cunha altura entre 0,5 m e 1 m e unha temperatura da auga ao redor de 15º C.
De acordo cos plans da organización, a empresa galega Atlantic Extrem Sports, o pistoletazo de saída darase ás 09:15 horas na praia de Rodas nas Illas Cíes, coa saída do primeiro grupo formado por 41 nadadores. Vinte minutos despois (09:35 horas) sairá o segundo con 43 nadadores. Ás 09:55, tomará a saída o terceiro grupo integrado por 33 nadadores; ás 10:15, o cuarto, con 30 nadadores e, por último, o quinto grupo, formado por 14 nadadores sairá ás 10:35. Calcúlase que o primeiro nadador en chegar –ou nadadora– culmine a proba en tres horas e media (chegaría a Ribeira ás dúas), pero estímase que o resto de participantes poidan prologar o seu esforzo durante catro ou cinco horas.
Durante a travesía están previstos tres controles de paso e avituallamento, nos quilómetros 4 (á altura da Illa Sur das Cíes), 8 (antes de chegar ás illas Estelas) e 12 (dentro da baía de Baiona), nos que os nadadores poderán comer e beber.
Do total de participantes, 139 son homes e 21 mulleres con idades comprendidas entre os 17 e os 70 anos, procedentes de 14 Comunidades Autónomas, Portugal e Arxentina. Destaca a presenza do ourensán Alberto Taboada, cuarto clasificado na categoría masculina na primeira edición da Triple Corona disputada entre 2015 e 2018, e o catalán Sergio Torres. En total entregaranse premios aos tres primeiros clasificados da categoría masculina e feminina. A entrega de premios terá lugar o sábado a partir das 21:00 horas na pradería do Enxebre La Pinta no Parador de Turismo de Baiona. Todos os nadadores que logren finalizar a proba recibirán unha distinción especial.
Dispositivo de seguridade
Durante a travesía despregarase un forte dispositivo de seguridade integrado por 30 embarcacións, 32 kaiaks, 13 pádel surf, 3 motos acuáticas e preto de 200 persoas en terra e mar. Haberá 2 médicos, 12 socorristas, un posto de vixilancia no paso entre Monteferro e as Estelas e unha ambulancia medicalizada na meta. A organización conta con máis de 100 mantas térmicas.
A proba estará balizada con 6 boias de gran tamaño desde Cíes ata Baiona e contarase con tres embarcacións do Monte Real Club de Yates de Baiona para o avituallamento dos nadadores. Os participantes terán que pasar polos tres controis de paso (quilómetros 4, 8 e 12) nuns tempos límite marcados pola organización xa que parte do percorrido transcorre na canle de entrada da ría de Vigo (do 4 ao 8) e é necesario garantir o tráfico de embarcacións pola devandito canle.
Para velar pola seguridade dos nadadores a organización conta coa colaboración do Monte Real Club de Yates de Baiona, Club Náutico de Panxón, Protección Civil de Vigo e Val Miñor, Confraría de Pescadores de Baiona, Corpo de Bombeiros de Vigo, Garda Civil de Mar, Gardacostas de Galicia, Wetsports Ladeira, Baybaysurf, Club Deportivo PescaCíes, Kailúa e o Parque Nacional das Illas Atlánticas.
A proba conta ademais co patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Baiona, Head, Abanca, Gadis, M+Q España, Galicia Calidade, o concesionario Hyundai Hyupersa e Arraianos Produccións. Colaboran tamén Powerade, Froitas Sol, Adegas Val Miñor, Parador de Turismo de Baiona, Comunica, Porto Deportivo de Baiona, Boyer Triathlon Vigo, Clubnatacion.com e Aceba, entre outros.

