Manifesto Miñor propón a creación dun voluntario medioambiental comarcal para vixiar os montes

Onte tivemos o primeiro aviso serio do que pode ser unha tempada de incendios dramática na comarca do Val de Miñor. Para Manifesto Miñor, o lume que alguén prendeu entre o Viso (Baiona) e o Monteiro (Borreiros/Gondomar), tiña toda a intencionalidade de queimar xusto a banda da comarca que non ardeu en 2017. “Isto quere dicir que se non o impedimos, os incendiarios acabarán conseguindo os seus obxectivos”.

Dende Manifesto Miñor cren que é fundamental darlle a posibilidade á sociedade civil de se implicar nesta loita, dado que os medios de resposta inmediata son escasos. É por iso que propoñen:

1º.- Máis dotación humana e material permanentes do GES, dado que no verán teñen que atender a maiores unha poboación que triplica o seu número, máis accidentes de tránsito, dous polígonos industriais, etc, etc.

2º.- A creación dun voluntariado medioambiental comarcal específico, que da man das CCMM, do GES, ou das Policías Locais, patrulle os montes da comarca dende xa, co obxectivo de vixiar o monte e disuadir aos potenciais incendiarios.

3º.- A creación dun grupo de traballo específico e estable no tempo entre as CCMM e a Mancomunidade de Concellos do Val de Miñor co obxecto de estudar medidas preventivas dos lumes, poñer en común os recursos existentes, así como traballar na elaboración de campañas informativas, formativas e de sensibilización social, sobre todo no medio urbano, a respecto dos lumes e da importancia de termos uns montes ben protexidos e multifuncionais.

Por último, e no caso do Concello de Gondomar, dende Manifesto Miñor demandan do Goberno Municipal e do Alcalde, a inmediata posta en funcionamento do Voluntariado Medioambiental creado pola Concellaría de Medio Ambiente xestionada por Manifesto Miñor no ano 2017 baixo a responsabilidade de Antonio Araújo, que con máis de 100 voluntarios desenvolveu un importante labor de vixilancia nos montes de Gondomar no verán de 2018. “Faría ben o Sr. Ferreira en non desmontar por sistema todo aquilo que fora posto en marcha por MM cando o bipartito, sobre todo cando funciona e ten utilidade como foi o caso”.