
A feira gastronómica itinerante máis importante de Galicia finalmente non fará parada este ano en Nigrán. O “Rilla na Rúa” tiña previsto instalarase do 23 ao 26 de xullo no Paseo da Ramallosa, coincidindo coa celebración do Nigranjazz, con foodtrucks, música ao vivo e espazo mercado.
A organización fixo público un comunicado no que anuncia que “debido á nova situación actual na que se incrementaron as medidas de seguridade e protección dos cidadáns, sentimos moito comunicarvos que o Rilla na Rúa Nigrán non se vai a celebrar o vindeiro 23 de xullo”.
Afirman que tras realizar “unha extraordinaria valoración”, o Concello de Nigrán, a organización do Rilla na Rúa, xunto coa empresa de prevención de riscos, vense obrigados a cancelar este evento. “Non queremos correr riscos innecesarios. O máis importante é a vosa saúde. Esperamos que o bicho nos deixe vervos en 2021”.
O “Rilla na rúa”, organizado pola empresa promotora de eventos Elemental Street, contaba coa colaboración do Concello de Nigrán, Mahou, Lolea e El Afilador.