O Vigo-Rías Baixas foi protagonista de principio a fin na Volta a Zamora. A estrutura presidida por José Luis Chamorro adxudicouse o prólogo con Mauricio Moreira e na última etapa Víctor Etxeberria terminou cuarto na chegada a Viñas de Aliste. Sen cambiar de provincia, ao conxunto flúor espéranlle durante a fin de semana dúas clásicas puntuables para a clasificación da Real Federación Española de Ciclismo.
A cuarta e definitiva xornada da rolda zamorana estaba infestada de trampas nos seus 131,6 quilómetros e os pupilos de Marcos Serrano quixeron desquitarse desde o banderazo inicial en Mahide do agridoce sabor de boca que lles deixaba a etapa raíña 24 horas antes. Edwin Torres encabezou a carreira ao paso polo Alto de Palazuelo (3ª categoría), no km 11, a primeira das cinco subidas puntuables que presentaba o percorrido.
O líder Josu Etxeberria (Caja Rural) sufriu unha avaría nesa primeira subida, o que engadiu aínda máis emoción a unha infinita sucesión de ataques e contraataques. Cada reagrupamento era a antesala dunha nova ofensiva, con Torres, Víctor Etxeberria e Mauricio Moreira rodando permanentemente na cabeza durante os primeiros 60 km.
Co navarro e o co uruguaio, o Vigo-Rías Baixas tivo dobre representación nun corte de 17 corredores que comandou a proba ata os últimos 20 km e tanto Moreira como Etxeberria repetiron no grupo de dez unidades que logrou abrir un pequeno oco na aproximación á subida final ao Alto de Viñas, de 2ª categoría.
Desa decena de corredores foron catro os que se xogaron a vitoria nos últimos metros, con Etxeberria concluíndo cuarto e co mesmo tempo que o gañador parcial, Raúl García (Lizarte). Ademais do posto de honra na etapa, o ciclista de Estella obtivo a recompensa de ascender ata a sexta posición na xeral dominada por Josu Etxeberria. quedou a 1:16 da camisola amarela, mentres que nesa táboa final Moreira ocupou a 16ª posición e Torres, a 26ª.
Trofeo Concello
O ciclismo post confinamento continuará esta fin de semana en Zamora coa disputa de dúas probas dun día. Este sábado será a quenda do Trofeo Concello na capital da provincia e o domingo disputarase o Trofeo San José, antigo Iberdrola.
A primeira das dúas citas afai resolverse nunha chegada masiva e o Vigo-Rías Baixas terá como referencia a Dani Viejo, un dos mellores velocistas da categoría. O asturiano buscará impoñer a súa explosividade tras 85 quilómetros con saída e meta en Zamora. O ciclista que se incorporou á disciplina olívica o pasado inverno procedente do campo profesional terá como compañeiros a Noel Martín, Víctor Etxeberria, Guillermo Mallo, Juan Carlos Amil e Iñigo González.

