A Xunta financiará a implantación de medidas de prevención da Covid-19 nas praias de Baiona e Nigrán

A Xunta destinará un total de 1,1 millóns de euros para financiar a implantación de medidas de prevención da covid-19 nas praias. A día de hoxe, xa están asinados os primeiros 42 convenios cos concellos, entre eles Baiona e Nigrán.

Os criterios que deben cumprir os concellos para optar a estas axudas son: contar cunha poboación inferior a 40.000 habitantes, un mínimo de 300 prazas de aloxamento hoteleiro e unha cifra superior a 5 praias. Enténdese que son os concellos con estas características os que afrontan maiores dificultades e necesidades de financiamento.

Así, a Administración autonómica préstalles un apoio especialmente necesario, tendo en conta as especiais circunstancias ás que teñen que facer fronte este verán.

Con este financiamento, os concellos poden cubrir os gastos de persoal que se dedica a medidas de control de aforo das praias, pero tamén se financian outros gastos de funcionamento ou investimentos relacionados con limpeza, desinfección ou a instalación de sinais e cartelaría.

A día de hoxe, aínda queda un remanente do orzamento previsto, que se destinará aos concellos que acrediten máis necesidades ou circunstancias sobrevidas nesta materia e que precisen dun apoio adicional.