Simulacro de afogado en Praia América

O Servizo de Socorrismo e Protección Civil realizou este luns un simulacro de afogado en Praia América, coincidindo co primeiro día da semana e á hora para comer, ás 14:45 horas, para que non houbese tanta afluencia de usuarios. Primeiramente avisouse ao 112, informando en que praia ía producirse o simulacro, a que hora e o número de vítimas, por se algunha particular chama.

Ao momento que entra o socorrista na auga, infórmase constantemente pola megafonía que se está producindo un simulacro do servizo de Socorrismo e Protección Civil, mensaxe que se dá cada minuto e medio ata que finaliza o simulacro. Tamén se dá aviso previo á Policía Local de Nigrán a nivel particular por se pasa a patrulla e ve algo de balbordo.

O simulacro consistiu no rescate dun bañista pedindo auxilio en liña de boias. Participaron 3 socorristas de Salvamento e Socorrismo da Mancomunidade do Val Miñor, unha embarcación de Protección Civil e 15 voluntarios de Protección Civil.