Baiona encarga o seu primeiro mural urbano á recoñecida artista local Lula Goce

Baiona terá o seu primeiro mural urbano e o Concello decidiu encargarllo á súa artista con maior proxección internacional do momento, Lula Goce. Será nunha parede situada na intersección da rúa Laureano Salgado coa recentemente humanizada Marqués de Quintanar, xusto na nova zona de esparexemento e recreo que se creou tras a humanización.

A arte urbana é aquela que comunmente vemos en muros en distintas partes das cidades. Algunhas destas pinturas son moi orixinais xa que os artistas poden expresar a súa maneira de pensar a través dos debuxos ou imaxes, e Lula Goce é unha mestra neste campo. O tamaño da parede no que Lula deixará o seu sinal é de 70 metros cadrados.

“Tras a humanización da rúa Laureano Salgado e a de Marqués de Quintanar consideramos idóneo adornar a parede situada na nova zona de esparexemento cun mural urbano e como non podía ser doutra maneira, pensamos na nosa artista internacional Lula Goce para iso. O primeiro mural de arte urbana que terá Baiona non podía ser doutra artista que non fose ela, en Baiona apostamos polo noso. Hai que facer este mundo máis bonito e máis se o pode ver todo o mundo que pasa por aí”, declarou o Alcalde, Ángel Rodal.

A idea é que progresivamente se poida ir decorando o municipio mediante distintas actuacións artísticas para convertela «nunha especie de museo aberto, con espazos decorados de maneira máis moderna e máis adaptados á realidade, un municipio moderno e urbano», segundo destacou o alcalde.

Lula Goce (Baiona, 1976). Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca na especialidade de Pintura, doutorada e máster en Belas Artes pola Universidade de Barcelona, técnica en Ilustración pola Escola de la Dona de Barcelona e técnica en deseño gráfico polo Centro Pauta Formació de Barcelona. Esta artista, que emprega fundamentalmente a linguaxe do debuxo, foi quen de deseñar fermosas instalacións nas que o papel e a repetición teñen moita relevancia.

Anuncios