Gondomar saca a licitación a dirección de obra da Fase I do polígono da Pasaxe

Coa aprobación do prego de licitación da dirección de obra, o Concello de Gondomar inicia os trámites para a adxudicación da empresa que se fará cargo das obras de urbanización da Fase I do polígono industrial da Pasaxe, que supoñerán un investimento de algo máis de 3.400.000 euros, cantidade que achegarán os propios empresarios a través do sistema de cooperación, tal e como se acordou tras a aprobación, o pasado mes de decembro, do proxecto de reparcelamento e equidistribución de cargas e beneficios.

O alcalde reitera a importancia deste novo paso que “estamos a dar porque non só atendemos unha demanda histórica dos empresarios se non que poñemos no lugar que se merece ao polígono industrial da Pasaxe, que estamos convencidos que se vai a converter nun referente non só na nosa comarca se non do sur a provincia de Pontevedra”.

A aposta decidida do goberno local por este proxecto, xunto á colaboración dos empresarios, permitiu solucionar unha demanda histórica e abrir un novo horizonte para o parque bloqueado desde a súa creación, en 1964, ao estar situado en chan rústico. A licitación da dirección de obra sairá a concurso para garantir que “as máquinas estean a funcionar moi pronto no polígono e póidanse realizar as dotacións e servizos necesarios á totalidade do parque”.

“Sen présa pero sen pausa traballamos neste proxecto fundamental para o desenvolvemento económico de Gondomar. A finais de ano queremos ver as máquinas traballando na execución das obras de urbanización que converterán a Pasaxe nun lugar de referencia para industrias de todos os sectores”, asegura o rexedor, Paco Ferreira.

Paralelamente a esta primeira fase que pon en marcha goberno local, a Zona Franca de Vigo iniciará a Fase II cun investimento previsto de 20 millóns de euros, o que implicaría a posibilidade de crear preto de 10.500 empregos novos na contorna da localidade.