A Xunta invita a Baiona a sumarse a unha consulta aberta a operadores para despregar fibra no casco histórico

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de ofrecer aos 28 concellos galegos, que concentran 32 conxuntos históricos, a apertura dunha consulta aberta a operadores para despregar fibra nestas zonas protexidas. Así se recolle no informe elevado hoxe ao Consello da Xunta, no que se explica que esta proposta xurde tras o caso de éxito de Santiago de Compostela, onde a colaboración institucional permitiu que o casco histórico da capital de Galicia conte cun proxecto de despregamento de fibra en marcha.

A Xunta remitiu a pasada semana unha carta aos 28 concellos con esta proposta solicitándolles que manifestaran o seu interese en participar na iniciativa. Unha vez se coñezan os municipios interesados lanzaríase unha consulta aberta a operadores.

Unha vez que se lance a consulta, os operadores formularán os posibles plans de despregamento para os diferentes cascos históricos baseándose nas alternativas que ofrece o Catálogo de solucións Técnicas, elaborado pola Amtega, o operador público Retegal e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Para a elaboración desta guía partiuse do caso concreto de Santiago de Compostela e en colaboración co Concello, co Consorcio de Santiago e cun equipo multidisciplinar (integrado por arquitectos, enxeñeiros de telecomunicación e técnicos proxectistas especializados en despregamentos de fibra óptica), elaboráronse unha serie de propostas viables e extrapolables a outros conxuntos históricos

O Caso de Santiago de Compostela

A chegada da fibra ao casco histórico de Santiago é resultado dun proceso que comezou hai un ano coa elaboración do devandito Catálogo e o posterior lanzamento dunha consulta aberta a operadores.

Inicialmente sete operadores amosaron o seu interese en presentar proxectos e finalmente, o proceso pechouse coas propostas de R, Telefónica e Orange, valoradas positivamente pola comisión de seguimento da consulta aberta, culminando coa solicitude de licenza por parte deste último o pasado mes de xuño. Este despregamento conta cun investimento privado de 2,4 millóns de euros e o seu alcance esténdese a todo o ámbito do Plan Especial do casco histórico.

Coa publicación do catálogo e a apertura da consulta aos operadores, Galicia está a abordar unha problemática presente en toda a Unión Europea para a que ata agora non se ofrecera ningunha solución.