O presidente do Monte Real Club de Yates realiza a tradicional Ofrenda do Mar en Panxón

O presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez, foi o encargado de presentar, na tarde deste sábado no Templo Votivo de Panxón en Nigrán, a tradicional Ofrenda do Mar á Virxe do Carme, unha cerimonia que se celebra cada ano desde 1939, organizada de forma rotatoria polas mariñas mercante, de pesca, deportiva e pola Armada.

No seu discurso ante as numerosas autoridades presentes, o presidente do club baionés afirmou que “nestes tempos convulsos, de pandemias e inimigos descoñecidos, nos que a incerteza e os medos asoman por cada unha das esquinas das nosas vidas, resulta de imperiosa necesidade atopar elementos que nos unan e acheguen serenidade e tranquilidade”.

José Luis Álvarez destacou tamén que o mar, que ao longo da historia sempre significou a unión e o abrazo de persoas e sociedades, vólvese máis necesario que nunca. “O mar en forma de traballo, de aprendizaxe, de alimento, de calma, de diversión… o mar… sempre aí para nós, como unha constante, como unha áncora que nos mantén estables a pesar dos movementos das mareas”.

Antes da intervención do bispo da Diocese de Tuy-Vigo, Luis Quinteiro Fiuza, encargado de dar a réplica a Álvarez, o presidente do Monte Real acabou a súa intervención asegurando que “é esa unión co mar e a esperanza que esta nos achega, unha das claves que nos permite manter o optimismo e ser positivos sobre o que nos deparará o futuro”.

A octoxésima primeira edición da Ofrenda do Mar no Templo Votivo de Panxón acabou, como vén sendo tradición, coa bendición ao mar e o canto da Salve Mariñeira. Como sempre a celebración estivo acompañada polo Coro Stella Maris de Panxón. Tamén asistiron, entre outras autoridades, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o alcalde de Nigrán, Juan González.

🎥 VIDEO: Salve Mariñeira na Ofrenda Nacional do Mar en Panxón.

Publicado por Valmiñor TV en Sábado, 11 de julio de 2020

El pase de diapositivas requiere JavaScript.