A Plataforma Gondomar Fibra Xa! iniciará unha recollida de sinaturas por todas as parroquias

A Plataforma Gondomar Fibra Xa! congregou este sábado no Parque da Coelleira a medio centenar de persoas do concello para expoñer a situación de carencia grave dos servizos de internet, dos plans de despregamento da fibra óptica e as accións que está a propoñer para esixir ás empresas e entidades públicas que cumpran cos compromisos adquiridos e financiados con fondos públicos.

Moitos veciños quixeron expoñer a problemática dende a súa óptica persoal, no que ten que ver cos seus comercios ou centros laborais, ou os problemas que teñen para compatibilizar o traballo desde as casas co estudo de fillas e fillos. Tamén se comentou a evidente necesidade de esixir unha maior implicación por parte dos responsables públicos, especialmente á corporación municipal, pero tamén á Deputación, á Xunta ou ó goberno central, e especialmente ante a eventualidade de que nos atopemos nunha nova situación de confinamento, algo que sabemos que pode chegar.

Despois dunha horiña larga de conversa veciñal iniciaron un pequeno traxecto despregando unha grande pancarta diante da Casa do Concello e continuaron ata a tenda de Movistar para amosar a súa reclamación pública.

Dende xa van comezar unha recollida de sinaturas máis expansiva por todas as parroquias do concello e preparar unha demanda colectiva a Consumo coordinada a través da Plataforma, así como ao Valedor do Pobo e outras autoridades competentes. Tamén haberá un modelo de demanda individual a Consumo. “É insultante e indignante que unha familia pague preto dos 100€ por velocidades de 0,5mbps ou menos”, critican. Tamén continúan o traballo de visibilización polas rúas e nas redes sociais.

“Non imos parar ata que as empresas que viven dos nosos impostos dean un internet de calidade ata o último recuncho de Gondomar”, conclúen.