O Okofen gaña o Trofeo Comunica de J80

O Okofen, armado polo destacado regatista vigués Javier de la Gándara, alzouse vencedor esta fin de semana en Baiona do Trofeo Comunica, co que o Monte Real Club de Yates puido clausurar finalmente a Liga de J80 que tivera que suspender o pasado mes de marzo a causa do estado de alarma motivado polo COVID19.

Tras tres meses de competición e outros tres de parón, o campionato de monotipos impulsado polo Monte Real despediuse de Baiona coa cuarta e última xornada de probas, na que os J80 disputáronse as dúas últimas regatas que acabaron por definir o podio de gañadores.

Foron dúas mangas que se celebraron en condicións complicadas polo vento, que tivo moitos altibaixos, desaparecendo mesmo por momentos, e que obrigou a cambiar varias veces a zona do campo de regatas.

Tras gañar hai uns días o Campionato Galego de Cruceiros A Dous e chegar á final como claro aspirante ao título, o Okofen non defraudou. Con Javier de la Gándara liderando ao equipo, a tripulación habitual á que se sumou nesta última xornada Manuel María Cunha, asinou dous primeiros postos nas dúas probas disputadas e sentenciou o campionato.

Con 13 puntos logrou o ouro do Trofeo Comunica, deixando para Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, que acabou con 28 puntos, a medalla prata. Quedou o Alboroto bastante afastado do primeiro posto ao que aspirara desde xaneiro, cando empezara gañando na primeira xornada da liga. Foi, sen dúbida, o mellor rival para o Okofen e o que máis preto estivo de vencerlle, aínda que finalmente quedou a bastantes puntos del.

O Cansino de Fernando Yáñez, que chegaba terceiro á final, non puido consolidar esa terceira posición, e finalmente arrebatoulla o Maija de José Luis Pérez, con 40 puntos. Os de Yáñez, con 42 puntos, quedaron ás portas do podio, cunha meritoria cuarta posición.

Na entrega de trofeos, celebrada ao finalizar as probas no Monte Real Club de Yates, estiveron presentes, entre outros, o vicepresidente e comodoro do Monte Real, Alejandro Retolaza e Ignacio Sánchez Otaegui; e o director executivo de Comunica Comunicación Visual, Roberto Lira, como patrocinador do evento.