Manifesto Miñor presenta unha queixa diante do Banco de España polas abusivas comisións de Abanca

Na necesidade de defender á súa veciñanza, dende Manifesto Miñor veñen de enviar dous escritos de queixa dirixidos ao servizo de reclamacións do Banco de España e a atención ao cliente de Abanca solicitando que se tomen as medidas oportunas e se devolvan estas comisións abusivas.

Como leva denunciando dende hai máis dun mes, unha parte da veciñanza do Val Miñor con contas bancarias na entidade Abanca estase a ver prexudicada polas elevadas e inxustificables comisións e gastos de xestión que esta entidade financeira está a aplicar a súa clientela. Estas comisións, de arredor de 100 euros anuais por libreta, recaen sobre as coñecidas como contas á vista ou contas correntes, polo que afectan á gran maioría das persoas que teñen os seus aforros en Abanca.

Alén da legalidade do cobro destas comisións, dende Manifesto Miñor entenden que se trata dunha práctica abusiva para a cidadanía, toda vez que se artella como o exercicio dunha posición dominante do banco sobre a súa clientela. “Isto é aínda máis grave se temos en conta a situación de vulnerabilidiade na que se atopan moitos dos clientes e das clientas de Abanca nesta situación de emerxencia sanitaria provocada pola crise da Covid-19”.

Ademais, queren tamén deixar claro que o que hoxe é Abanca é o resultado dunha operación comercial da compra de varias caixas galegas rescatadas con cartos públicos. Esta situación disparatada fai que moitas das persoas afectadas polo cobro destas comisións abusivas sexan clientes e clientas que tradicionalmente utilizaban os servizos das antigas caixas de aforros. “Dende Manifesto Miñor non podemos máis que poñer en evidencia esta estafa á cidadanía galega”.