A Policía Local de Baiona desaloxa seis locais de ocio nocturno

A Policía Local de Baiona desaloxou a primeira hora da noite deste venres seis locais de ocio por incumprir as normas de seguridade sanitaria polo Covid-19. Os axentes precintaron os establecementos despois de interpoñer a correspondente sanción. Así mesmo, 27 persoas foron multadas por transitar pola rúa sen máscara de protección. Tamén interviñeron nun altercado público e evitar que se celebrara o habitual macrobotellón no Parque da Palma.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, recorda que o Concello establecerá medidas de vixilancia “rigorosas” sobre o cumprimento das normas de seguridade sanitaria sobre a Covid-19 e, no caso concreto das reunións de mozos e mozas na fin de semana para realizar botellón, “a policía local será estrita e procederá a sancionar a aqueles e aquelas que non cumpran normas elementais como o mantemento da distancia interpersoal”.

O alcalde de Baiona subliñou o feito de que, nestes momentos en que estamos inmersos en plena pandemia “aínda que algúns de xeito irresponsable pensen que xa é unha cousa do pasado”, as persoas non só buscan lugares turísticos fermosos, con servizos, boa gastronomías, paisaxes e historia “algo que en Baiona temos dabondo”, senón tamén buscan “destinos turísticos seguros”.

Baiona explica o rexedor local, “debe dar un paso adiante e seguir sendo un exemplo en excelencia turística, pero ten que poñer todas as medidas ao seu alcance para que sexa un turismo seguro”. Esa seguridade, afirma Carlos Gómez, “será a que permita a recuperación e dinamización do noso comercio e a nosa hostalería”.

Nese sentido, o alcalde baionés, subliñou “a colaboración do sector hostaleiro e comercial no cumprimento das medidas de seguridade” e na mesma liña “a responsabilidade que amosaron a gran maioría das veciñas e veciños durante o confinamento, en circunstancias que non foron doadas e que, porén, constituíron un exemplo de comportamento cívico, responsable e solidario”.

Precisamente por iso,”o Concello de Baiona non pode consentir que unha minoría irresponsable, que pasa das normas e das mínimas medidas de prevención, poña en risco a saúde da inmensa maioría que busca adaptarse, o máis rápido posible e da forma máis segura, a esta nova normalidade”.