
Quince anos despois do fito que supuxo para Galicia a saída da Volta ao mundo de vela desde Vigo no ano 2005, o Monte Real Club de Yates volve poñer á comunidade galega no foco do panorama náutico mundial ao lograr incluír a Baiona no circuíto das prestixiosas 52 SUPER SERIES.
Tras meses de negociacións e un arduo traballo para cumprir todos os requisitos esixidos pola organización, o histórico club baionés acaba de confirmar que a considerada “Fórmula 1 do mar” aceptou disputar unha das súas citas nas Rías Baixas galegas en xuño de 2021, coincidindo coa celebración do Ano Santo Xacobeo.
De alto rendemento e gran prestixio internacional, as 52 SUPER SERIES son un dos tres eventos náuticos máis importantes do mundo, xunto coa Copa América e a Volta ao mundo de vela. Entre 10 e 12 equipos de máis de 8 nacionalidades con regatistas dos 5 continentes compiten a bordo de barcos con tecnoloxía de vangarda en probas que se poñen en liza durante meses en diferentes portos do planeta.
O ano que vén, unha desas etapas será a 52 SUPER SERIES Baiona Sailing Week 2021, que se celebrará durante 8 días, entre o 3 e o 10 de xuño, ambos inclusive. As primeiras dúas xornadas, os días 3 e 4, as tripulacións disputaranse regatas de adestramento na zona destinada á competición, un lugar moi próximo ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, xusto en fronte das illas Cíes. O terceiro día, 5 de xuño, está reservado para un adestramento nunha regata xa oficial aínda que non puntuable; e nas últimas 5 xornadas, do 6 ao 10, disputarase a competición propiamente dita, coas regatas que definirán a clasificación final da que sairán os gañadores.
Ademais das probas deportivas, o Monte Real Club de Yates organizará múltiples eventos sociais, como encontros cos regatistas, visitas aos barcos participantes, conferencias e charlas sobre a competición ou festas coas tripulacións, entre outros moitos. Será tamén unha oportunidade única para redescubrir o Monte Real, un dos clubs máis antigos de España, cun longo e prolífico percorrido no panorama náutico internacional.
O que no seu día foi primeiro club español en presentar un desafío á Copa América de Vela organiza, na actualidade, algunhas das regatas máis destacadas de España, como o Trofeo Príncipe de Asturias ou o Trofeo Conde de Gondomar. Recentemente, o Monte Real anunciou tamén a celebración en Baiona, en 2023, do Mundial da Clase J80, que se converterá na oitava cita mundialista que o club organiza ao longo dos seus máis de 50 anos de historia.
Un prestixioso circuíto considerado a “Fórmula 1 do mar”
As 52 SUPER SERIES naceron da man de tres empresarios namorados do mar e entusiastas regatistas: o americano Doug DeVos (copresidente da prestixiosa empresa de márketing Amway e dono do equipo de baloncesto da NBA Orlando Magic), o sueco Niklas Zennström (creador de numerosas empresas como Skype ou Kazaa) e o arxentino Alberto Roemmers (fundador de Laboratorios Roemmers, unha das maiores farmacéuticas de Arxentina).
En 2012 crearon un circuíto que cada ano percorre cinco ou seis dos mellores lugares do planeta para regatear nunhas probas nas que compite unha frota inigualable, formada polos mellores regatistas do mundo. A bordo dos TP52, un tipo de barcos de 52 pés (15,85 m.) case idénticos nas súas prestacións, as tripulacións deben marcar a diferenza coas innovacións tecnolóxicas que lle apliquen aos veleiros e a pericia e habilidades dos seus equipos.
A organización de cada unha das etapas das 52 SUPER SERIES implica o movemento dunhas 500 persoas, ata 12 megaiates e barcos de apoio. Toda esa loxística, xunto coas reservas de voos, aloxamentos e restauración; empresas e equipos de servizo; supoñen un gasto que alcanza os máis de 3 millóns de euros, dos que uns dous millóns quedan en empresas e servizos locais do lugar no que se compite.
A amplísima cobertura de medios, tanto nacional como internacional, do evento náutico, alcanza cifras que, segundo datos da organización, roldan os mil millóns de impactos en diferentes medios de comunicación, con máis dun millón de visualizacións na televisión en directo da competición e preto de 10 millóns de impresións nas canles online das redes sociais. A regata, ademais, é seguida en todo o mundo, con imaxes en directo ou a través de sistemas de realidade virtual desde a web www.52superseries.com.
Outro aspecto para destacar das 52 SUPER SERIES e o MRCYB será a súa aposta decidida pola sustentabilidade. A competición e a súa organización colaboradora nesta materia, 11th Hour Racing, promoverán en cada unha das regatas unha serie de accións encamiñadas a impulsar desde a educación e a acción a concienciación en materia ambiental. O compromiso é conseguir a pegada cero de impacto ecolóxico, esforzo que se redobrará en augas da Ría de Vigo ao ser dun altísimo valor ambiental.