Gómez desmente ao PP e anuncia que Baiona contratará a 23 persoas

Baiona ten todo disposto para levar a cabo a contratación dun total de 23 efectivos, 18 deles a través do Plan Concellos, que se distribuirán entre os servizos de xardinería, Vías e Obras, praias, padeeiras e persoal administrativo. Ademais incorporará a cinco traballadores ao servizo de limpeza a través do Risga e destinará 60.000 euros dos fondos municipais para persoal de desinfección e limpeza do centro urbano.

O alcalde Carlos Gómez explicou que se incorporarán como moi tarde a mediados deste mes tras iniciarse as probas de selección. Gómez aclarou que os atrasos provocados pola crise sanitaria impediron a súa incorporación con anterioridade aínda que asegura que o farán “coa máxima celeridade posible”.

As declaracións foron realizadas polo rexedor tras un comunicado enviado a medios polo Partido Popular no que aseguraban que “por primeira vez na historia veciños desempregados teñan a oportunidade de traballar no servizo de limpeza municipal a través do Plan Concellos da Deputación”.

Ademais desde o grupo político cualificaron de “paradoxal” que o goberno local xustificase a parálise en todas as súas áreas alegando que foi unha herdanza recibida, “incluída a relativa a limpeza”. Así mesmo tamén o acusaron do desmantelamento dos servizos públicos como o da seguridade cidadá.

Gómez pola súa banda desmentiu as acusacións vertidas polo principal grupo da oposición e convidou á agrupación a que “deixe ao carón este tipo de política difamatoria”. Para finalizar o rexedor baionés suxeriu ao seu portavoz, Ángel Rodal, a que pregunte sobre calquera tema “antes de incorrer nunha mentira”.