Segunda semana de Baiverán con cine, concerto de La Supersonic e o espectáculo “Lavandeiras”

Mañá martes continúan as actividades culturais programadas polo Concello de Baiona e o seu departamento de Cultura dentro o Baiverán 2020. Logo da boa acollida dos concertos e o cine na rúa da pasada semana, esta que entra terá como protagonistas o cine, a música e o espectáculo “Lavandeiras”.

O cine abrirá esta semana no Parque da Palma. Mañá, ás 23:00h, proxectarase en pantalla xigante o filme “Men in black Internacional”.

O mércores, tamén no Parque da Palma ás 23:00h. da noite, terá lugar o espectáculo “Lavandeiras”. Da man da actriz Vero Rilo, a dirección de Daboapipa recolle o patrimonio oral, musícao, dálle forma e agasállallo ao público, descubríndolle os outros relatos que rodean os lavadoiros. A voz de Vero Rilo e a música enfían estas pezas da nosa historia nun espectáculo único e divertido.

O xoves volve a música en directo ao Parque da Palma, tamén ás 23:00h, co concerto do grupo vigués La Supersonic no que interpretará versión clásicas do rock internacional.

Todos os espectáculos estarán supervisados por un técnico de prevención que certificará que o espectáculo sexa seguro tanto para os profesionais que actuarán no Baiverán como para o público en xeral.