“O Val Miñor precisa un goberno na Xunta que traballe a favor, e terao da man do BNG de Ana Pontón”

O cabeza de lista do BNG, Luís Bará, chamou hoxe á veciñanza do Val Miñor a votar ao Bloque con ilusión para facer posible un cambio galego con Ana Pontón como presidenta, a primeira presidenta da historia. Así o manifestou no mitin celebrado en Baiona, onde destacou que o Val Miñor precisa un goberno na Xunta “que traballe a favor” para desenvolver a comarca “e terao da man do BNG de Ana Pontón” tras o resultado histórico que augura o vindeiro 12X.

Entre as actuacións que comprometeu, o candidato destacou que o BNG levará a cabo un plan de protección, recuperación e rexeneración da Foz do Miñor, de todo o espazo natural da zona húmida de marisma formada polos ríos Miñor, Groba e Belesar que verten de forma conxunta á enseada de Baiona, na ría de Vigo. Subliñou que agora a zona está gravemente ameazada pola contaminación e o abandono do goberno da Xunta do Partido Popular, polo que insistiu en que “levaremos a cabo un Plan para a eliminación de todas as verteduras contaminantes que van á Foz, así como tamén un plan para desenvolver todo o seu potencial tanto produtivo –marisqueiro- como ambiental, xa que é unha zona de alto valor ecolóxico que está protexida pola figura da Rede Natura, e tamén social, para o goce e lecer da cidadanía”.

Bará avogou tamén por desenvolver na acción de goberno do BNG medidas de protección tanto da serra da Groba como da serra do Galiñeiro, que están nestes momentos ameazadas por diferentes tipos de agresións, principalmente polos parques eólicos que planea o Partido Popular. Subliñou a importancia de rematar coa fenda dixital que vive a zona e que afecta tanto ao seu desenvolvemento económico, educativo como social: “esta problemática incrementouse coa crise da COVID-19, que puxo en evidencia as desigualdades”, insistiu.

Por outra parte, o cabeza de cartel sinalou que é preciso reconfigurar o Plan de Transporte da Xunta para que pase a ser un elemento vertebrador do territorio e constitúa unha posibilidade mobilidade sustentable para a veciñanza. Reivindicou que se poña en marcha coas características necesarias e específicas para o Val Miñor e destacou que o BNG potenciará o seu uso, xa que se trata dunha fórmula de mobilidade sustentable ambientalmente.

Bará, xunto á tamén candidata Carmela González, ao portavoz municipal, Iago Pereira, e a Claudia Quintela, destacou que todas estas cuestións están na axenda do BNG na súa chegada á Xunta. Insistiu en que é preciso un cambio galego para traballar en favor da comarca fronte á parálise dos últimos once anos. Insistiu en que o voto ao BNG terá un valor doble o vindeiro 12X, posto que servirá para confinar na oposición ao Partido Popular ao mesmo tempo que desterrar o centralismo madrileño “que nos afoga e paraliza”.

O nacionalista tamén apelou á necesaria concentración do voto “da xente que quere cambio galego e que Galiza teña un goberno que aposte polo país e o poña a producir” arredor do BNG de Ana Pontón. “A xente que lle quere a Galiza e que quere que haxa un cambio galego ten que ir votar o 12X e concentrar o seu voto no BNG porque é a alternativa sólida fronte ao Partido Popular, facendo historia cunha muller presidenta por primeira vez”. “Hai partido e non está nada decidido, xa que con que o PP perda un escano por provincia caerá a súa maioría absoluta e confinarémolo na oposición”, finalizou.