O teatro volve a escena en Nigrán este domingo con Teatro do Ar

Nigrán continúa dando pasos para integrarse na nova normalidade. E por fin, o teatro volve a escena no municipio o próximo domingo 5 de xullo ás 21:00 horas nun escenario á beira do esteiro do río Miñor, no paseo da Foz en A Ramallosa. O grupo de mozos e mozas de Nigrán, Teatro do Ar, representará “Días Felices”, unha comedia baseada nun mundo distópico no que desapareceu a risa.

A obra de teatro escrita polo director do grupo, Pedro Rodríguez Villar, mostra a busca do pallaso Trombón, que agora traballa nun tanatorio, da risa. Desaparecida do mundo moitos anos atrás. “A busca de Trombón da risa, é unha forma de reflexionar dende a comedia da necesidade de sermos un mesmo e de ser conscientes da nosa identidade”, explica o autor.

A música en directo tamén será un aspecto moi importante dentro da representación. A interprete e tradutora de Vilariño, Lucía Doval, formará parte da obra e co seu piano e voz porá a banda sonora as peripecias do pallaso Trombón. Música e comedia, para articular xuntas unha obra amena e para todos os públicos, explican dende o grupo.

Para Teatro do Ar volver a facer de teatro despois da suspensión obrigada da actividade polo Estado de Alarma é unha “sorte moi grande”, e ademais destacan que poder facelo “no noso concello, e para a nosa xente vai facer do domingo un día moi especial”.

A representación, programada dentro do calendario de verán do Concello de Nigrán, cumprirá coas medidas sanitarias da chamada nova normalidade. Será ao aire libre, con distancia de seguridade e se recomendará o uso de máscaras para todos os asistentes. Ademais Días Felices, será a primeira actuación de teatro deste verán, pero non a última. O Concello de Nigrán apostou neste verán especial pola cultura ao aire libre.