Nigrán aposta en xullo polos roteiros guiados e mantén o Vive Nigrán e Nigranjazz

O Concello de Nigrán arranca este xoves a súa oferta cultural de xullo cunha das grandes apostas deste verán para descentralizar o turismo de praia: a realización de roteiros guiados pola rede de sendeiros municipal, cun mínimo de dous semanais (tamén en agosto). O sendeiro circular polo Castro de Chandebrito será o que inicie a programación o día 2 ás 10:00 horas e, como en todos os demais que se realicen e por protocolo sanitario, é preciso facer inscrición previa no mail turismo@nigran.org (os seguintes serán noutras localizacións os días 4, 10,16, 18, 23, 28 e 30).

Baixo o lema “Nigrán, equilibrio natural”, o Concello pretende un ano máis dar cabida a todo tipo de públicos ao tempo que pon en valor o interior do municipio, máis descoñecido pero con grandes atractivos e perfectos para fuxir de concentracións de xente. Paralelamente, o Concello mantén neste xullo de 2020 as súas sinais de identidade: a aposta pola música en directo a través do seu festival máis antigo, Nigranjazz, do 22 ao 25; e o máis recente, Vive Nigrán, o 17 e 18 de xullo. Co fin de adaptarse ás medidas de prevención sanitaria, Nigranjazz multiplica a súa duración e o número de escenarios para poder chegar a todos os interesados, sumándose Patos e Panxón ao clásico auditorio ao aire libre da Foz. Pola súa banda, Vive Nigrán trasládase ao espazo deportivo de Dunas de Gaifar, onde terá un aforo máis limitado e prescindirá de moitas actividades paralelas. En ambos casos se desvelará o cartel nos vindeiros días e, novamente, as food-truks de Rilla na Rúa coincidirán co Nigranjazz (estarán do xoves 23 ao domingo 25 na Alameda de A Ramallosa).

“Loxicamente este é un verán diferente, pero non por iso deixamos de programar eventos, o que sucede é que estes deberán estar adaptados ao protocolos sanitarios en vigor e suxeitos a calquera posible modificación ao respecto”, destaca o alcalde, Juan González, quen incide en que o espazo deportivo de Dunas de Gaifar, graza á eliminación das pistas de pádel, servirá para ofrecer máis actividades e concertos ao longo do verán (entre outros, será un dos novos escenarios para a realización de zumba xunto coa Alameda de A Ramallosa). «É un sitio idóneo, ao pé da praia e onde resulta facil controlar o aforo», incide. Así, o cantante e ex futbolista Gustavo Almeida dará un concerto aí o día 11 e o día anterior, 10 de xullo, terá lugar a primeira edición de SonaGaifar con diferentes Dj de renome da provincia. Finalmente, o Pazo de Cea dentro da súa programación TerraCea2020 ofrece o concerto de Alejo Stivel e Los Limones o 17 e Love of Lesbian o 31 de xullo.

A aposta do Concello pola música de calidade en directo materialízase nunha das grandes actuacións deste verán e que pon punto e final a xullo: o concerto de Patricia Kraus “Pioneras” no que rende homenaxe ás grandes damas do jazz. Este terá lugar no exterior do CPI Arquitecto Palacios, aos pés do Templo Votivo de Panxón, un lugar espectacular que xa estreara o Concello no 2018 con magnífica acollida entre os asistentes.

Outras das novidades deste ano será o espectáculo de maxia do mago Rei Midas, baseado no que puideron gozar todos os nenos que estiveron de aniversario durante o confinamento, xa que o Concello os agasallou cunha videochamada del. Este terá lugar o sábado 4 ás 21:00 no esteiro do Miñor (onda o Nigranjazz) e o venres 31 na Praza do Concello estará xunto a maga Valeria Varitas (20:00 horas, Praza do Concello). O día anterior, tamén dirixido a nenos, terá lugar tamén na Praza do Concello e á mesma hora as actuacións do Paiaso Popín e a representación de “O estrano caso do dentista da rúa Brasov”. E se os nenos son protagonistas na programación de Nigrán, tamén o serán os maiores coa primeira celebración do Día do Avó o domingo 26 de xullo en Camos cun xantar campestre e diversas actividades.

Novamente, o consistorio aposta polo grupo local Teatro do Ar, que estreará a súa obra “Días felices” o domingo 5 ás 21:00 horas no esteiro de A Foz, ofrecendo ademais o domingo 19 ás 21:00 unha obra para nenos no espazo deportivo Dunas de Gaifar. Neste mesmo lugar os comerciantes de Nigrán celebrarán senllos “Beachmarkets” o 19 e 26 de xullo. Paralelamente, o Concello mantén o mercado multicultural en Praia América do 3 de xullo ao 13 de setembro e o xa clásico de antigüidades o día 25 no Paseo de Panxón.

Actividades deportivas

O Concello mantén as actividades deportivas pero cambia de escenarios co fin de non reducir o espazo para bañistas e de evitar concentracións de xente no paseo marítimo. Así, por vez primeira a Alameda de A Ramallosa se estrea para realizar zumba todos os días da semana e o espazo deportivo de Dunas de Gaifar para zumba, pilates e ioga de luns a venres. Finalmente, o “Xoga na Praia” abandona Patos e se traslada á cancha de volei-ball de Praia América, onde se desenvolverán actividades martes e xoves de 17:00 a 19:00 horas.

PROGRAMACIÓN CULTURAL DE XULLO EN NIGRÁN

Anuncios