Vithas Fátima súmase á Rede Galega PxR para darlle unha segunda vida a material e mobiliario clínico en desuso

O Hospital Vithas Vigo presentou o proxecto “Segunda Vithas” dentro da Rede Galega PxR (preparación para a reutilización), promovida pola Consellería de Medio Ambiente, que busca ofrecer unha alternativa á reciclaxe a través da recuperación e rehabilitación de cadeiras de rodas, padiolas ou mobiliario clínico. Esta medida súmase a outras iniciativas de protección ambiental que nos últimos anos puxo en marcha o Hospital Vithas Vigo.

A finais do ano pasado, a Dirección de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta presentou a Rede Galega PxR (preparación para a reutilización) coa que se combina a protección e coidado ambiental coa economía circular. Desta maneira, permítese que material en desuso poida ter unha segunda vida da man de entidades sociais.

Precisamente este último concepto é o que dá nome ao proxecto “Segunda Vithas” que acaba de presentar o Hospital Vithas Vigo para ofrecerlle a ONG, asociacións, entidades sociais ou pequenas clínicas a posibilidade de rehabilitar e reutilizar diverso material que xa non se usa no hospital.

En concreto, Vithas Vigo ofrecerá, nunha primeira instancia, cadeiras de rodas, padiolas, ou mobiliario clínico que están en condicións de ser usados pero que necesitan algún tipo de reparación ou arranxo. As entidades interesadas neste material deben de seguir as indicacións que figuran no apartado en rede da páxina web desta iniciativa: https://www.mellorrepararquetirar.gal/.

Desta maneira, o Hospital Vithas Vigo súmase a unha iniciativa do Goberno galego que busca crear un espazo transversal de debate e colaboración en todos os ámbitos posibles (empresarial, educativo, social, institucional) mediante o que se facilite o intercambio de habilidades e coñecemento, á vez que estimula a creación de novos proxectos que contribúan á transición cara ao modelo de economía circular en Galicia.

Segundo o xerente do Hospital Vithas en Vigo, Dr. Ciro Cabezas, o hospital traballa no apartado de protección ambiental “nunha dobre vía” xa que, por unha banda “busca a redución das emisións; e por outro, mellora a xestión dos residuos que xera”. Neste sentido, ademais dos residuos sólidos-urbanos (como os que xera calquera outra empresa ou domicilio), recolle, segrega e xestiona o tratamento de aparellos eléctricos e electrónicos; residuos non perigosos (como pode ser chatarra, tóner, cartón ou plástico), os residuos perigosos (como poden ser desde aerosois, ou envases de plásticos contaminados, ata citotóxicos, ou residuos biocontaminados) que requiren dunha xestión e tratamento especializado; así como papel e plástico de carácter confidencial.

O Dr. Cabezas Checchi sinala, ademais, que esta iniciativa “enmárcase nos obxectivos corporativos de Vithas no ámbito de Calidade e Medio Ambiente de mellorar a xestión de residuos para reducir o seu impacto ambiental”. Dentro deles, o Hospital Vithas Vigo dá un paso máis ao adherirse a esta iniciativa, que, ademais, conta cun importante compoñente de Responsabilidade Social Corporativa xa que, o Hospital, non cobra nada pola cesión deste equipamento que descatalogou.

No apartado de RSC, a participación de Vithas Vigo nesta rede medio ambiental súmase a outras actuacións nas que o Hospital colabora con ONG, como a Asociación de Solidaridade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), Médicos Sen Fronteiras, Cruz Vermella Española, Aldeas Infantiles, Banco de Alimentos, Cris contra o Cancro, Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama (Adicam); ou a Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo (Adrovi); así como co fondo de Nacións Unidas para a Infancia, Unicef; ademais de promover outras accións propias.

Anuncios