Baiona elevou o gasto social nun 400% desde o inicio da pandemia

A crise sanitaria do Covid-19 aumentou substancialmente o gasto social destinado a familias que viron agravada a súa situación económica dunha maneira xeneralizada, e o municipio de Baiona non foi unha excepción. Un contexto que provocou un aumento da partida nun 400% en comparación co mesmo período do ano anterior.

O alcalde Carlos Gómez adiantou que estudarán un incremento do orzamento destinado a Servizos Sociais de 20.000 euros pasando a un total de 60.000. A súa idea é que o plus se incorpore para os orzamentos de algo menos de nove millóns cos que contan para o presente exercicio e prevé que o documento económico se leve a aprobación cara ao mes de agosto.

“Coa chegada do verán este problema verase ‘maquillado’ pola afluencia de visitantes pero volverá notarse a partir de outubro e moito”, advertiu. Este foi un dos temas tratados durante a rolda de prensa ofrecida polo rexedor para render contas tras cumprir o seu primeiro ano de goberno en coalición xunto con BNG e Nós.

Neste sentido Gómez reiterou que durante o estado de alarma “as administracións locais foron as grandes esquecidas tendo que asumir uns gastos para os que a priori non estabamos preparados”, que no caso da vila mariñeira superará os 180.000 euros a final de ano. Ademais o alcalde asegurou que no caso de que o PP renove mandato na Xunta reclamaralles o investido ata o momento.

Outra das iniciativas que está a expor é a de destinar parte do remanente de tesourería a fins sociais aínda que polo momento están atados de pés e mans debido aos pagos pendentes con Abanca para rescatar o aparcadoiro do Aral. Gómez adiantou que non descartan fórmulas de pago alternativas para afrontar os dous millóns de débeda xeradas polo acordo coa entidade bancaria, ao entender que a situación actual é prioritaria.

Once proxectos

En canto a obra pública o rexedor explicou que teñen en marcha un total de 11 proxectos, nove deles nas parroquias e todos eles a conta do Plan Concellos da Deputación. Ademais aclarou que están a traballar na modificación do relativo ao da “Casa de Teresina” para ampliar o consistorio ao estar paralizado por Patrimonio. “Buscaremos cofinanciamento xa que supera os 2,5 millóns de euros”, explicou.

Outros dos plans que figuran no tripartito son a remodelación do Paseo Pinzón, o Parque da Palma ou o remate da contorna de Santa Liberata, que ademais sofre roturas constantes do enlosetado no firme da súa parte humanizada. “Para saber onde queremos chegar de aquí nos próximos 20 anos é necesario dispoñer dun plan estratéxico para optar a axudas e subvencións”, manifestou.

Nesta liña o rexedor aclarou que é necesario deixar ao carón a cultura do “non” que posibilite marcar un plan de ruta cara ao período comprendido entre 2030 e 2040. Xa para finalizar informou de que en setembro anunciarán “a nova marca Baiona” e un plan de actividades culturais que axude a desestacionalizar a economía a partir do mes de outubro ata febreiro.

Anuncios