“A homofobia e a transfobia non deben ter cabida nos nosos pobos e cidades”

O Concello de Baiona conmemorou este luns o Día Internacional do Orgullo LGTBI. A concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas, leu un manifesto para transmitir o apoio da administración local en todas as reivindicacións deste colectivo. Ademais, por segundo ano consecutivo, a bandeira arco da vella loce nun dos balcóns do Consistorio.

A Concellería de Igualdade de Baiona está a traballar en conxunto con xente do colectivo para artellar unha serie de accións que terán como obxectivo visibilizar e sensibilizar á toda a veciñanza, facendo especial fincapé no alumnado do IES Primeiro de Marzo, para o cal se está a deseñar unha serie de palestras sobre educación sexual e diversidade afectivo sexual.

Manifesto

Hai xa 30 anos, a Organización Mundial da Saúde suprimiu finalmente a homosexualidade da súa listaxe de enfermidades mentais, feito co que se pretendía acabar con case un século de homofobia médica e discriminación contra as persoas LGTB.

Porén, a pesar das innegables mellorías desde entón, a realidade internacional para o colectivo LGTB non mudou substancialmente ao redor do mundo e as persoas LGBT seguen a padecer discriminación pola súa orientación sexual e/ou identidade de xénero tamén na Galiza.

Concretamente na nosa vila houbo casos de homofobia e transfobia que desembocaron en mortes tráxicas. Isto pon en evidencia que nos queda moito camiño como sociedade, xa que as persoas LGTB enfróntanse aínda á falta de empatía, ao odio e á ignorancia de xente que considera a diversidade afectivo sexual e de identidade de xénero coma algo malo que hai que eliminar.

É importante sinalar que o período de confinamento imposto para frear a pandemia da COVID-19 puido ter como consecuencia o empeoramento da situación de moitas persoas LGTB, persoas ao se veren, en moitos casos, obrigadas a volver para a casa onde podían padecer a LGTBfobia familiar, cortadas da súa rede de apoio habitual, forzadas a se pecharen de novo no armario por medo ao rexeitamento e mesmo á violencia, tanto física como verbal.

Por culpa da pandemia, este ano non puideron ter lugar as marchas e manifestacións do Orgullo LGTB, cando menos do xeito habitual. Xustamente, por esta mesma razón é imperativo seguirmos a visibilizar os obstáculos e as discriminacións que continúan a asolar a vida das persoas LGTB e poñernos ao seu dispor todas as ferramentas precisas para axudalas a superaren, na medida do posible, as consecuencias da LGTBfobia.

Dende a Concellería de Igualdade estamos a traballar no deseño de accións, colaborando con persoas do colectivo, que levaremos a cabo para dar visibilidade ás reivindicacións do colectivo, para formar e informar á veciñanza e rachar con estereotipos e prexuízos. É hora xa, de dar visibilidade e normalizar a diversidade afectivo sexual ademais de demandarmos unha maior atención sobre a necesidade de traballar contra a discriminación.

A homofobia e a transfobia son dúas formas de discriminación que non deben ter cabida nos nosos pobos e cidades, nin en ningún ámbito da nosa sociedade, por atentaren contra a convivencia, o respecto para a diferenza e a diversidade, piares básicos que deben sustentar calquera sociedade democrática e plural.

 

Anuncios