Nigrán pon en valor o seu patrimonio histórico artístico máis descoñecido

O Concello de Nigrán divulgará desde este verán o seu patrimonio histórico-artístico máis descoñecido a través do proxecto “7 miradas, 7 parroquias”, un traballo divulgativo froito da investigación previa do historiador tudense Suso Vila e da restauradora nigranesa Celia Casás. Cun investimento de 13.406 €, conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra para a rehabilitación e sinalización do patrimonio cultural e o resultado final materialízase na dixitalización dun libro-guía dispoñible nos vindeiros días a través da web do Concello, carteis con códigos QR en cada punto físico para chegar ao mesmo e folletos que sintetizan as particularidades de cada unha das 7 parroquias de Nigrán (dispoñibles en castelá, galego e inglés).

“Nigrán vai máis alá de praia e mar e este é o mellor verán para por o foco de atención no noso interior e descentralizar o turismo típico de costa evitando aglomeracións, afortunadamente temos moito que amosar e por iso presumimos de equilibrio natural. Concretamente, con este proxecto queremos ofrecer unha mirada diferente das nosas parroquias, unha mirada que desta vez vai ao concreto sorprendendo aos propios veciños e visitantes”, explica o alcalde e historiador Juan González, quen pon como exemplo a existencia dunha talla románica de Santa Ana en Parada ou unha virxe pétrea do século XVI na capela das Angustias de Nigrán. Así, tendo en conta que Nigrán forma parte do Camiño Portugués pola Costa cada vez máis en auxe, a maioría dos detalles analizados concéntranse precisamente nos templos de Nigrán ao seren os máis descoñecidos, especialmente as súas tallas ou mesmo elementos da súa construción propios de diferentes períodos históricos. “Os mesmos veciños de Nigrán descoñecemos o valor da nosa arte sacra; coñecela, difundila e poñela en valor é o primeiro paso para protexela. A iniciativa xurdiu do meu propio descoñecemento ante todos eses elementos que levaba anos contemplando sen coñecer a súa orixe e o seu valor real”, incide o alcalde, Juan González.

Así, tras unha primeira fase de investigación e recadación de datos ao longo de meses nas sete parroquias por parte de Suso Vila e Celia Casás, procederon a elaborar o material divulgativo no que se destacan os elementos concretos máis valiosos e descoñecidos de cada parroquia.

Glosamos só algúns dos elementos destacados en cada parroquia:

-CAMOS: Entre outros, destaca na fachada da capela de San Roque de Camos un baixo-releve dun sol e unha lúa, símbolo da concepción do templo como cidade celeste, sobre toda na Crucifixión. Este símbolo habitual en fachadas e pinturas medievais non aparece en ningún outro monumento do municipio. Camos conta tamén cun conxunto de cruceiro e peto de ánimas moi singular en toda a comarca e moi pouco documentado; situado á beira do camiño que leva desde a costa a capela de San Roque de Camos ten como particularidade ser dúas construcións independentes (habitualmente o peto de ánimas sitúase no propio cruceiro), sendo o peto de ánimas moi sorprendente ao ter unha gran dimensión (a súa finalidade é lembrar aos camiñantes o sufrimento das almas no Purgatorio e solicitar a axuda dos vivos, en forma de oracións e de esmolas, en metálico e en especie). O conxunto foi moi alterado ao longo do tempo pero se estima a súa orixe no S.XVI.

– CHANDEBRITO: A fachada da igrexa de San Xosé coincide practicamente coa actual de Santiago de Parada e coa de Santa Baia de Camos, o que permite situar a construción das tres entre 1730/1740. Na mesma destaca a figura dun San Xosé pétreo.

– PANXÓN: O coñecido como arco visigótico de Panxón podería ser de época altomedieval, de entre os séculos IX e X. Recentes estudos o rexuvenecen tres centurias e contradín a teoría xeral de que foi construído entre o S.V e o VII.

– SANTIAGO DE PARADA: Nesta igrexa de orixe románica pódese apreciar a Santa Ana ensinando a ler á Virxe, unha talla do século XVI, un tema moi pouco habitual que se populariza no pintura do século XVII pero moi pouco común en escultura, o que suxire que puido ser un culto relevante na parroquia cun altar consagrado a esta escena. A propia igrexa parroquial conserva boa parte da súa fábrica románica do século XIII que se condensan neste traballo e no que se divulgan aspectos menos coñecidos como restos dunha antiga porta encastrados na parede no que se aprecian dovelas de sextifolias ou axedrezado.

– A RAMALLOSA: A capela de San Pedro é unha igrexa de orixe románico da que se conservan algúns restos, sobre todo nos canzorros do corpor central. No interior hai reformas do S. XIX coincidentes coa desaparición da capela da Magdalena en 1854 da que se reaproveitarían varios materiais.

– NIGRÁN: Na Capela das Angustias (Nigrán) destaca unha imaxe da Virxe das Angustias que pola súa data e forma encaixa dentro do arte medieval. Unha talla pétrea cuxas características sinalan que foi realizada no século XVI, o que nos indica que foi trasladada dende outra igrexa ou existía outra capela das Angustias anterior a actual do século XVIII. É unha imaxe reflexo da expresividade popular, na peana figura unha inscrición na que se indica que a mandara facer e pintar Juan Manuel González e a súa muller María Felipa. Nos laterais desta capela aparecen dous altares, o de San Campio e o da Virxe, moi característicos por presentaren unha fórmula mixta entre o rococó e o neoclasicismo no que se abandonan os dourados para centrarse na imitación de mármores, xaspes ou pórfidos. Nesta capela podemos apreciar a diferenza entre as imaxes que conservan as súas cores orixinais e a policromía dos retablos que foron repolicromados nos transcurso do século XX modificando a visión do conxunto e tapando as cores e os dourados orixinais.

Pola súa banda, tamén en Nigrán, a capela de San Fiz presenta un retablo que constitúe un magnífico exemplar barroco enmarcado na tradición dos obradoiros do bispado de Tui. O retablo e a capela maior foron iniciativa propia do abade Manuel Antonio de Balbín en 1744 quen quixo deixar constancia de tal intervención no friso do retablo sobre o corpo central.

– PRIEGUE: O interior acolle o retablo do Bo Xesús da Paciencia neoclásico (finais do s. XVIII ou comezos do XIX) que recorda ás formas que se dan nese mesmo momento no retablo de San Vicente de Santo Domingo de Tui.