O PP esixe ao alcalde que rectifique na peonalización de Elduayen ante o caos xerado este venres

O PP de Baiona esixe ao alcalde, Carlos Gómez, que con carácter de urxencia “rectifique” a súa intención de continuar coa peonalización da rúa Elduayen tras o “caos” deste primeiro día que enfureceu tanto aos veciños como aos condutores que sufriron grandes atascos e ao sector comercial e hostaleiro. Unha nova “ocorrencia” e unha mostra máis da “improvisación” do tripartito que “non pode continuar nin un día máis con esta idea”.

Os populares puideron comprobar no serán de onte que o peche ao tráfico desta arteria principal de Baiona, entre a rotonda do acceso ao porto e o cruzamento do paseo Ribeira (acceso ao Parador), foi un auténtico “erro” ao que o Concello debe “poñerlle fin” desde hoxe mesmo. Desde o grupo municipal lémbranlle ao rexedor que un goberno local debe tomar decisións para mellorar a vida dos seus veciños e facilitarlla aos visitantes e con esta peonalización o que o tripartito está a conseguir é crear un problema máis aos cidadáns.

Precisamente, para garantir a distancia de seguridade recomendada polas autoridades sanitarias nesta situación pos-covid e evitar aglomeracións, o PP propuxo semanas atrás ao alcalde alternativas que o goberno local rexeitou sen nin sequera estudar a súa viabilidade. “O que ocorreu onte xa llo advertiu este grupo popular ao rexedor pero fixo caso omiso. O Sr. Gómez debe recapacitar porque non é momento de experimentos. Debe pensar que ocorrencias deste tipo, se non se desiste delas con rapidez, poden traer consecuencias graves para a economía de Baiona”, expresan os populares.

2020-06-27 - calle vacía

Anuncios