Nigrán investirá 200.000 € en ampliar o abastecemento a preto de cen vivendas de Camos e A Tarela

O Concello de Nigrán investirá 200.000 € do remanente de Tesourería para ampliar a rede de abastecemento de auga inicialmente a 90 vivendas de Camos e A Tarela a través da súa conexión coa tubaxe xeral na rúa dos Pazos (os puntos xa quedaran previstos cando se realizou esta primeira obra no 2017). Concretamente, beneficiaranse nun primeiro termo as vivendas situadas na contorna de Camiño da Rega, Tarela e Grilo (Nigrán) e rúa do Seixo, Carballal, Do Río, Das Viñas e Avoa Carmela (Camos) sumando máis de 2.782 km, a maiores esta obra permitirá dar servizo a posteriori a zonas máis amplas ao instalarse unha tubaxe a tal efecto. A cuestión para aprobar o investimento será levada polo goberno local ao vindeiro pleno ordinario do 6 de xullo (ao ser o 29 de xuño festivo en Nigrán trasládase a sesión a esta data).

As obras, que deberán estar rematadas antes do 31 de decembro de 2020, inclúen apertura de gabias, colocación da tubaxe, execución de arquetas e instalación de válvulas, recheo e reposición de pavimento.

“Cando chegamos ao goberno no 2015 o fixemos co compromiso de levar a auga a todas as parroquias e en menos de 4 anos conseguimos non só achegar o servizo a Camos por vez primeira no 2017, se non que a totalidade de Parada xa o ten. Agora traballamos para continuar ampliando en Camos e chegar por vez primeira a Chandebrito, xa que existe unha clara demanda social ao respecto, como é lóxico”, sinala o alcalde, Juan González.

Así, na parroquia de Camos o subministro público chegou por vez primeira no 2017 a través da rúa dos Pazos (ata o Centro Cultural) e no 2019 desde aí medrou ata a rúa San Roque, e xa neste ano e grazas, precisamente, á nova rede de abastecemento municipal na parroquia veciña de Parada, chega en Camos aos barrios de Castelo, A Lama e O Rial e ás vivendas situadas nas inmediacións da PO-332, rúa dos Pazos. “Queda pendente a parte alta de Camos e Chandebrito na súa totalidade, ese é o noso compromiso de goberno para estes anos”, finaliza González.

Anuncios