“O Partido Popular certifica o seu final de etapa”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Pleno de investidura de Ángel Rodal.

O Bloque Nacionalista Galego lamenta que unha vez máis a veciñanza de Baiona sufra a nefasta xestión do Partido Popular, xa no mes de xuño solicitaran a dimisión do Alcalde de Baiona, tras a sentenza condenatoria que obrigaba a readmitir a Ángeles Silva, cargo de confianza nomeado por Ángel Rodal. “Os feitos volven a dar razón ao BNG, o Goberno Municipal está esgotado e certifica un fin de ciclo. Unha nova alternativa para Baiona debe xurdir e ser referendada pola veciñanza”.

“Diante da presentación duns orzamentos que incrementan notablemente as partidas de atención protocolarias e de publicidade e propaganda (máis de 40.000 €), a alternativa ten que ser social e é a que vén demandando o BNG ano tras ano”, di Iago Pereira, Portavoz Municipal dos nacionalistas. “É por elo que con responsabilidade o BNG presentará emendas co fin de cando menos mellorar uns orzamentos que en todo caso non poderán ser apoiados, toda vez que explicita a desastrosa xestión municipal con partidas como as dedicadas a custes por contenciosos e multas e sancións”.

Para o BNG o abandono de Beatriz González non é máis que un segredo a voces, que o Goberno Municipal está tan esgotado que xa nin internamente se sostén. “A seis meses de celebrarse novas Eleccións Municipais esta inestabilidade só a sufrirá a veciñanza en xeral de Baiona, cunha proposta de orzamentos que non foron negociados cos demais grupos da Corporación Municipal”.

“O BNG non comparte actitudes individuais senón proxectos políticos, mais é evidente que o proxecto político do Partido Popular xa non conta co apoio maioritario da veciñanza baionesa”, conclúen os nacionalistas.

Anuncios