
O Círculo Podemos Nigrán en coordinación co Círculo de Podemos Animalista Estatal acaba de presentar no rexistro unha moción na que propón a creación dun C.E.R (Captura, esterilización, retorno) neste municipio apoiados por Proxecto Gato, Baisenpulgas, A Illa de Tali-Natalia Rodríguez, coidadoras das colonias e as clínicas veterinarias Fox Cotros e IMEVET. O Círculo considera importante a adopción desta medida xa que existen 10 colonias felinas detectadas no municipio.
O método C.E.R é unha práctica, que como ben indica o seu nome, trata da captura dos gatos pertencentes ás colonias para a súa esterilización e posterior retorno ao lugar de residencia, onde habitualmente contan co coidado de persoas voluntarias.
A implantación deste método favorecería á erradicación do envelenamento destas colonias, feito que pode causar un efecto baleiro bastante prexudicial, posto que as colonias felinas controlan a sobrepoboación doutras especies (ratas, cascudas, ratos, toupas…) e con este método irían diminuíndo paulatinamente o número de integrantes e non serían un problema para a veciñanza, xa que unha vez esterilizados non haberían problemas habituais como os malos olores de marcaxe.