Podemos Nigrán lamenta a falta de previsión e coordinación no aviso da prohibición das cacharelas

Dende o Círculo Podemos Nigrán lamentan a falta de información por parte da Xunta de Galicia sobre a prohibición das fogueiras particulares de San Xoán no Concello de Nigrán, e non entenden en que se basean para facer efectiva esta privación.

Reprochan que notifiquen a anulación das “cacharelas” neste Concello con tan pouco tempo de antelación, facendo un fraco servizo aos veciños que xa tiñan organizadas, por parroquias, ou particularmente, devanditas fogueiras.

Por outra banda, critican a falta de coordinación na comunicación da prohibición, xa que no telexornal da Televisión Galega infórmase de que si están permitidas as fogueiras sen aglomeracións e no caso de non estar permitidas con tan pouco tempo tras o aviso é posible que unha gran parte da veciñanza non sexa coñecedora.

Anuncios