Anuncios
Ticker de novas

Detido en Baiona por subtraer 2.000 euros da tarxeta dun home para o que traballaba

A Garda Civil detivo a un veciño de Baiona como suposto autor dun delito continuado de estafa bancaria polo uso fraudulento da tarxeta de crédito dun veciño, coa que chegou a retirar preto de 2.000 euros.

A actuación iniciouse por mor dunha denuncia presentada no Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, onde unha persoa aseguraba que fora vítima dunha posible estafa xa que, sen o seu coñecemento e autorización, utilizaran a súa tarxeta bancaria para retirar diversas cantidades de diñeiro da súa conta, por un importe total de 1.870 euros.

Por mor das investigacións levadas a cabo por efectivos do Posto Principal de Baiona-Nigrán, a Garda Civil puido constatar que todos os reintegros, que comezaron a realizarse o mes de novembro do pasado ano, se levaron a cabo reiteradamente no caixeiro automático da mesma entidade bancaria en Baiona. Ademais, as cantidades que retiraban na maioría dos casos eran moi pequenas, posiblemente para evitar chamar a atención do titular da conta e prolongar o engano o maior tempo posible.

Estas circunstancias, que fixeron descartar desde un principio a posible clonación da tarxeta, deron lugar a que se establecese a hipótese de que o autor tiña que ser unha persoa da contorna social ou familiar moi próxima á vítima e que, non só tería acceso á tarxeta e o seu número de seguridade, senón que tamén gozaba da posibilidade de poder utilizala aleatoriamente e devolvela ao mesmo lugar.

Esta liña de investigación concluíu coa identificación do suposto autor. Trátase dunha persoa que adoitaba realizar traballos domésticos e de mantemento na casa da vítima.

Esta persoa, ademais de que frecuentaba a casa, coñecía onde se gardaba a tarxeta e o seu código de seguridade, porque nunha ocasión, estando o titular enfermo e con dificultades para saír á rúa, facilitárallo o titular para que lle fose a retirar diñeiro ao banco.

En consecuencia, a Garda Civil procedeu á detención de F.S.S., de 39 anos, veciño de Baiona, como presunto autor dun delito de estafa bancaria polo uso fraudulento da súa tarxeta de crédito, coa suposta agravante de actuar mediante abuso de confianza.

Anuncios