Concentración en A Ramallosa para pedir máis sanidade pública no Val Miñor

Este xoves 25, ás 20:00 horas está convocada unha concentración en A Ramallosa, que baixo o lema de “Máis sanidade pública” pretende amosar o seu apoio á Atención Primaria no Val Miñor e á Sanidade Pública en xeral, así como deixar ben claro que non queremos máis recortes nin privatizacións. A concentración convocada por usuarios da sanidade pública está apoiada polo PSOE, Galicia en Común e BNG. Tamén mostraron o seu apoio o PCG, Esquerda Unida e Podemos.

Hai que lembrar que nos derradeiros anos, tense sometido á Sanidade Pública en Galicia a un auténtico acoso e derribo mediante recortes, privatizacións, taxas ridículas de reposición, perda da universalidade, redución das camas hospitalarias, etc. Especialmente, intentouse destruír a Atención Primaria de Saúde, a porta de entrada ao sistema sanitario e o que lle da sentido e eficiencia aos fluxos de pacientes e inclúe a atención comunitaria.

Recentemente, a pandemia provocada polo coronavirus SARS-Cov 2, ten amosado de xeito dramático estas deficiencias: falla de material esencial en stock, falla de material de protección individual, falla de recursos de urxencias e de UCI para os pacientes máis graves, falla de profesionais… E o que aínda é máis grave: o contaxio e morte masiva dos pacientes máis vulnerables: os usuarios das residencias de maiores pola falla de vontade de protexelos da pandemia a eles e aos traballadores das mesmas.

Ante isto a sociedade en xeral non pode seguir sen amosar o seu rexeitamento aos recortes de servizos e de persoal, á falla de previsión das direccións das áreas sanitarias e da Consellería de sanidade da Xunta de Galicia (con competencias exclusivas na asistencia sanitaria), as consecuencias da privatización dos Centros para maiores e de ter convertido a Saúde Pública nun elemento residual do sistema sanitario (cando tanta utilidade ten nas patoloxías que van máis alá do individuo).