O PP de Nigrán propón habilitar a zona de aparcamento de autocaravanas en Porto do Molle

Actualmente, o turismo de autocaravanas está en pleno crecemento e Galicia é un referente en canto a oferta de zonas para estes vehículos con máis de 100 zonas habilitadas. Este turismo, lonxe de ser clasificado como de baixo interese, é cada vez unha opción máis demandada por un sector da poboación que valora a liberdade que permite “levar a casa contigo”, ademais da posibilidade de gozar da natureza e de poder chegar a coñecer con comodidade zonas xeográficas que doutra forma non se conseguiría. É un turista que consome na zona e que normalmente deixa unha pegada ecolóxica moi baixa, polo que para o Partido Popular de Nigrán é importante telo en conta e facilitarlle servizos que lle permitan elixir este municipio como unha parada na súa ruta.

Os populares veñen de presentar unha moción para habilitar unha zona de servizo que lles permita pernoitar unha noite sen acampar. O Concello de Nigrán en 2019 executou unhas obras sen expediente nin proxecto nunha zona non habilitada para ese uso (Camiño da Area, 7), na confluencia de rúas estreitas, cun acceso en pendente que impide a manobra ás autocaravanas de tamaño medio e longo, e no medio dunha urbanización de vivendas (SAU 3), algo que provocou a denuncia correspondente e por tanto a paralización do proxecto, que segundo o PP nunca existiu.

A solución que expuxo o equipo de goberno é que se cambie o uso do chan (co informe desfavorable do Arquitecto municipal), e que se poida continuar. “O problema é que a obra se realizou no momento que non se podía realizar, polo que se o caso termina nun xulgado, podería pasar que se tivese igualmente que desfacer o feito, co consecuente dobre gasto”, advirten desde o PP.

“Analizando as zonas de aparcamento que existen en Nigrán e que tipo de zonas existen noutros Concellos, comprobamos que a inmensa maioría non realizaron obras importantes para crear as zonas de aparcamento, e que a maioría non están pegadas ás praias senón máis ben en zonas de aparcamento xa existentes próximas a cafeterías, supermercados, zonas de servizo ou parques, algo máis adecuado para a función que se busca, que é ofrecer unha zona de aparcamento con servizos próximos”, destacan os populares.

“No caso da seleccionada polo Concello, os servizos non están tan próximos como para ir andando en menos de 10 minutos, polo que o máis sensato cremos que é abandonar esa opción, construír nesas parcelas un parque infantil e unha cancha de usos múltiples, que si son o uso adecuado para a zona, e buscar outras alternativas tal e como recomenda o arquitecto municipal no seu informe”.

A xuízo do PP nigranés, a área de aparcamento situada detrás da gasolineira de Porto do Molle, de 2.777 m2 de superficie e con capacidade para 101 vehículos, é a máis idónea para este labor, polas seguintes razóns:

  1. Está a 100m dun supermercado.
  2. Está á beira dunha estación de servizo.
  3. Está á beira dunha cafetería e a 100m dun restaurante.
  4. Está a 8 minutos en bicicleta, da praia e sen grandes costas.
  5. Está próxima a unha área de paseo do río Muíños.
  6. Está próxima á área das futuras pistas de atletismo, skate e parque infantil.
  7. Pódense converter 60 prazas de vehículos en 40 prazas para autocaravanas.
  8. Ten acceso ao saneamento e ao abastecemento de auga directamente.
  9. É unha zona segura por estar dentro do polígono que mantén unha vixilancia sobre a zona.

“Preparar esa zona para o aparcamento das autocaravanas supón un custo reducido, xa que a obra para realizar consiste nun repintado da zona de aparcamento, e unha de fonte pública, e un sumidoiro para augas residuais, ambos os dous servizos poderían ser de pago por uso aínda que cremos que o custo dos dispositivos e o seu mantemento non compensaría o recadado en moitos anos, polo que é máis fácil que sexa de uso gratuíto, xa que o consumo dos turistas na área é motivo suficiente para compensar os servizos prestados”, explican desde o PP.

Doutra banda, afirman que este proxecto e obra pódese realizar en cuestión de poucas semanas, polo que podería estar operativo este ano, co beneficio que iso pode supoñer en canto á atracción deste turismo, e que ao mesmo tempo evitaría o feo espectáculo dunha primeira liña de praia chea de autocaravanas cada día, xa que ao ter unha área reservada poderíase prohibir que pernoitasen nas zonas de primeira liña de praia en moitos casos sen os servizos adecuados.

“O proxecto debe de ir acompañado polo compromiso da policía local de evitar que o lugar se converta nunha zona de acampada, impedindo a pernoita de máis dunha noite, tal como estipúlase na ordenanza municipal vixente, e recomendando aos turistas os cámpings máis próximos se prefiren estender a súa estancia. Coa colaboración e o respecto a as normas pódese conseguir dar unha boa solución a esta necesidade turística e ao mesmo tempo manter unhas praias paisaxísticamente impecables”, conclúen os populares.