O BNG das comarcas de Vigo e Baixo Miño, contrario aos parques eólicos no Galiñeiro e na Groba

O 30 de abril deste ano, no medio da grave crise sanitaria e socioeconómica provocada pola COVID 19, o Consello da Xunta acordou reactivar a tramitación administrativa dos procedementos de avaliación ambiental de 975 proxectos industriais que se viron suspendidos pola declaración do estado de alarma.

Esta decisión foi cuestionada e criticada duramente polo movemento ambiental e ecoloxista galego, que denunciou o interese da Xunta por seguir coa tramitación de proxectos, algúns moi controvertidos e de forte impacto ambiental, en pleno estado de alarma e baixo medidas de restrición de movementos e de distanciamento social, cando non están garantidos plenamente os dereitos de información e participación pública.

Para o BNG semella que o Goberno galego pretende con esta medida procurar atallos e favorecer a tramitación destes proxectos nunha situación de excepción e indefensión da poboación afectada e, no caso dos proxectos dos parques eólicos nas serras do Galiñeiro e a Groba, sen ter en conta a opinión das comunidades de montes onde se atopan. Proxectos dun plan depredador que destrúe, degrada e desfai o territorio, no que prevalecen os intereses de grandes empresas e corporacións sobre os intereses da veciñanza e sobre a defensa do territorio e do medio ambiente.

No caso concreto da Serra da Groba os proxectos tramitados implicarían un total de 44 aeroxeneradores e 4 subestacións de transformación e transporte, namentres que na Serra do Galiñeiro irían 13 torres aeroxeneradoras. Hai que ter en conta que ambas serras constitúen uns espazos de grande riqueza natural, patrimonial, arqueolóxica e paixasística.

Para o BNG a aposta por enerxías limpas e renovables como a eólica debe ser compatible na súa situación tanto ca contorna como co uso multifuncional do monte, na procura do menor impacto medioambiental posible. Un novo modelo de produción enerxética a encaixar nun plan de ordenación do territorio froito do consenso entre o goberno galego, concellos e sociedade, que concilie ecoloxía e economía.

No caso da Serra do Galiñeiro convén lembrar que o BNG presentou en novembro de 2012 alegacións ante a xefatura territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria contra da instalación dun parque eólico nesta serra, así como esixiron mediante mocións nos concellos e iniciativas no Parlamento Galego reclamando que se declarase área protexida e a súa incorporación ao Parque Natural do Aloia.

“Neste escenario atopámonos cun Goberno da Xunta inoperante que non foi quen de dotar á Serra do Galiñeiro da protección legal demandada, a pesar que en 2013 anunciou a súa decisión de ampliar a súa protección como “espazo natural local” toda vez que descartaba a súa integración no Parque Natural do Monte Aloia, feito este que impediría o desenvolvemento de calquera proxecto deste tipo na serra”, lamentan desde o BNG.

No tocante á Serra da Groba a situación dalgúns dos aeroxeneradores coincidiría dentro, ou estaría nos límites, da área proposta para a súa inclusión na Rede Natura 2000.

Por todo o exposto, desde o BNG das comarcas de Vigo e Baixo Miño manifestan a nosa posición contraria aos proxectos de parques eólicos en tramitación na Serra do Galiñeiro e na Serra da Groba.

Por último, tendo en conta o agravante de que a reactivación dos procedementos de avaliación ambiental durante o Estado de Alarma non garante a defensa dos intereses cidadás e os dereitos de información e participación da poboación afectada, esixen a paralización inmediata do efecto da orde ditada pola Xunta.

Anuncios