Sin categoría

O Mosteiro de Oia reabre as súas portas o 1 de xullo e anuncia a programación cultural desta tempada

A crise sanitaria xerada polo COVID-19 impediu abrir a porta do Mosteiro o 9 de abril tal e como estaba previsto, pero a nova normalidade na que se atopa Galicia permite que o Mosteiro volva abrir as súas portas o día 1 de xullo, cumprindo con todas as medidas de seguridade indicadas polas autoridades. Por este motivo o equipo que está detrás da iniciativa cultural publicou a programación co seu público, un público -agora máis que nunca- desexoso de volver gozar de todas as actividades nun enclave sen igual.

Durante estes últimos meses, traballouse na definición do programa cultural do 2020 coa idea de lanzar unha oferta única e diversa, na que se manterían eventos coñecidos como a efeméride dos ataques piratas sufridos polo cenobio, o día das letras galegas, conversas con recoñecidos expertos do ámbito académico/cultural ou os xa tradicionais solpores nos que volver gozar de música en directo mentres o sol ponse no atlántico… pero ademais súmanse novos eventos ao redor da música e do coñecemento do viño. Todas estas accións culturais seguen mantendo vivo o obxectivo de mostrar as diferentes caras dun enclave con máis de 850 anos, e moitas etapas vividas, ao mesmo tempo que se dinamiza culturalmente Oia, ofrecendo experiencias diferentes e coherentes coa contorna. Só no 2019 o Mosteiro recibiu a visita de máis de 10.000 persoas, situándose así como a terceira atracción cultural máis importante do Baixo Miño tras o Castro de Santa Tegra e a Catedral de Tui.

O día 1 de xullo retómanse as visitas guiadas que ademais de incluír un percorrido por zonas interiores e exteriores do Ben de Interese Cultural, inclúe tamén a visita á exposición “Os presos do Mosteiro. Memorias da guerra civil española”, unha exposición que ofrece aos visitantes unha mostra dos “Guernicas de Oia” que os presos republicanos deixaron como testemuña nas paredes do Mosteiro entre os anos 1937 e 1939.

En paralelo seguiuse traballado en melloras e tarefas de mantemento do Mosteiro de forma continuada; traballos enfocados non só a mellorar a experiencia dos visitantes e a proposta cultural, senón tamén o propio edificio mentres non se deixa de avanzar nos pasos burocráticos que signifiquen a rehabilitación integral e definitiva do único mosteiro do Císter a beiras do Océano.

2020-06-19 - PROGRAMACION 2020 OIA