O Concello de Nigrán ilumínase esta fin de semana de verde polo Día Mundial da ELA

O Concello de Nigrán súmase ao Día Mundial da ELA do que se conmemora o día 21 de xuño iluminando esta fin de semana a Casa Consistorial de verde dentro da campaña #LuzporlaELA que na comunidade promove a Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica–AGAELA.

A ELA probablemente sexa unha das enfermidades máis devastadoras ás que se pode enfrontar calquera persoa e calquera familia. Por iso, o Concello de Nigrán desexa sumarse para darlle visibilidade e que a sociedade comprenda a que se enfrontan os enfermos e as súas familias ante este fatal diagnóstico. Este é o motivo polo que desde hai dous anos, e xunto ao resto de Asociacións de Pacientes e a Fundación Francisco Luzón, como Comunidade Nacional da ELA, estase a promover #LuzporlaELA, unha acción de visibilidade nos diferentes municipios de España.

A acción consiste en iluminar de cor verde (durante a fin de semana do 20 e o 21 de xuño) a maior cantidade de monumentos e edificios emblemáticos de todo o país en apoio e solidariedade coas persoas afectadas pola ELA e deixar constancia de que “A ELA existe”.

No 2019, 210 municipios das diferentes Comunidades Autónomas participaron iluminando de verde 305 monumentos de toda España, entre os que se atopaban a Fonte de Cibeles, a Praza de España de Sevilla, o Arco de Santa María de Burgos, os Concellos de Barcelona ou Donosti, a Deputación da Coruña ou a Torre de Hércules, o Templo de Diana de Mérida, o Palacio da Madalena de Santander, o Teatro Campoamor de Oviedo e outros edificios do sector privado.