Anuncios
Ticker de novas

Rouban en Baiona a escultura de bronce dedicada ao trial

Pouco máis de tres meses durou a escultura de bronce dedicada ao deporte do trial instalada no Paseo Monte Boi de Baiona. A Peña Moteros Val Miñor tivo coñecemento este luns de que o casco moldeado con todo tipo de detalles, admirado polo seu realismo, desapareceu do lugar hai días.

“Comentáronmo hoxe pero din que o 4 ou 5 de xaneiro xa non estaba”, afirma Álvaro Pereira. Segundo parece, cortaron os tres soportes que o suxeitaban cunha serra de cortar ferro. “É bronce, pero pesa pouco, non é unha cousa como para que o vaian a vender e váianlle a dar moito diñeiro, para min foi alguén para quedarllo ou facer a graza”, engade o tesoureiro da Peña Moteros Val Miñor

O monumento foi inaugurado o 21 de setembro, tras o acto de presentación do Trial das Nacións. O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e o presidente da Peña, Jose Durán, descubriron a escultura, fundida polo escultor vigués afincado no Val Miñor, Jose Molares. A súa elaboración custara preto de 2.000 euros.

O presidente da Peña presentará previsiblemente esta tarde a correspondente denuncia no Cuartel da Garda Civil de Baiona.

2018-01-08 - Sin título-6

Anuncios