Ningún estudante do Val Miñor quedará atrás

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Mari Carmen Lorenzo, Betty León Fong, Marina González, Pilar Rodríguez e Chema.

Máis dunha trintena de voluntarios relacionados directa ou indirectamente co mundo da docencia dan forma á Plataforma Didáctica Solidaria que pretende, cara a finais deste mes, comezar unha serie de clases de apoio a escolares que teñan algunha dificultade no proceso de aprendizaxe e que ademais formen parte de familias desfavorecidas. A iniciativa coordinada por Betty León Fong, catedrática de Física Aplicada xubilada da Universidade de Vigo, non pretende converterse nunha academia ao uso senón que parte dunha conciencia solidaria pensada para que os nenos que se atopen nesta situación poidan iniciar o próximo curso sen dificultades engadidas.

Fong mantén que os efectos académicos do confinamento produciron unha brecha educativa acentuada en escolares cuxas familias ou ben non teñen acceso ás novas tecnoloxías, ou que por motivos de conciliación non recibisen a atención necesaria. Entre a longa lista de voluntariado que dá forma ao proxecto figuran docentes en activo e xubilados que contan cunha ampla experiencia no mundo educativo ás súas costas por exemplo como Mari Carmen Lorenzo, mestra durante máis de 30 anos e directora do CEIP Humberto Juanes de Nigrán durante 12; Marina González, psicopedagoga; Chema, profesor en activo cuxo papel é o de trasladarlles a óptica do profesorado; ou Pilar Rodríguez, presidenta do C.C. Baíña e que funciona como unha peza fundamental da plataforma.

“Os centros culturais son importantísimos para nós. Contamos coa colaboración de oito deles repartidos pola comarca e son os que reúnen as condicións para impartir as clases ao ter pólizas de seguros e aulas”, explicou Fong.

Todos coinciden en que a interrupción do curso lectivo tradicional afectou de modo moi diferente ao colectivo estudantil e que en moitos casos a situación carrexará consecuencias negativas para os escolares. “As necesidades existen, todos os anos prodúcense grupos de nenos que quedan atrás e o problema é que agora se agrava”, manifestou González.

Neste sentido reiteraron que o contexto no que se enmarca o seu proxecto está alleo a presións propias do curso escolar tales como exames ou notas, e que fóra dunha situación de tensión poderán impulsar as súas potencialidades cunha maior taxa de éxito. “Moitas veces o fracaso escolar parte desta carencia”, manifestaron. Ferramentas como a lectoescritura ou o razoamento lóxico matemático, considéranas esenciais no proceso.

A idea de crear a Plataforma Didáctica Solidaria naceu do Grupo de Apoio Val Miñor, unha agrupación de veciños nacida en pleno confinamento e que a día de hoxe levan elaboradas de maneira altruísta máis de 17.000 máscaras, ademais de brindar a súa axuda para todos aqueles que a necesitaron. Así mesmo son os encargados de achegar tanto a alumnos como a profesores de dous elementos de protección lavables para que estean protexidos de fronte ao comezo da súa actividade.

Anuncios