Sin categoría

Javier Varela chega a Baiona co seu monólogo “Saúdame Sempre”

O actor e presentador galego Javier Varela, que actualmente conduce “Gaña a túa sorte” cada mañá ás 12:00 horas en TVG, presenta o seu lado máis cómico e directo a noite do domingo 27 de agosto en Baiona co monólogo de humor “Saúdame Sempre”, un espectáculo que xa puido ser gozado durante este verán na súa xira por Galicia. Será ás 23:00 horas na Praza do Concello.

En Galicia, somos xente moi “riquiña” e sempre nos saudamos pola rúa; este simple xesto pode cambiar a túa mirada cara aos demais. Pero Javi ten gravado a lume na súa cabeza que hai certo tempo tivo un día malo, moi malo, malísimo, e non lle apeteceu saudar a ninguén: as consecuencias foron terribles, irreversibles. Nos telexornais e prensa empezouse a falar de temas tan descoñecidos por entón como o cambio climático, a crise, a falta de traballo, as revoltas sociais, xente que engordaba, matrimonios que rompían, proliferaron as hemorroides, os turistas empezaron a queimarse en Sanxenxo… E se a culpa de todo fóra de Javier Varela?… Polo se acaso “Saúdame Sempre”.