
Galicia terá o próximo ano como festivos propios os días de San Xosé (19 de marzo) e das Letras Galegas (17 de maio). Así se establece na proposta de calendario laboral de 2021 que coñeceu hoxe o Consello da Xunta.
A normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (2 de abril en 2021), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. No ano 2021 hai un festivo nacional que coincide en domingo: o 15 de agosto (día da Asunción da Virxe), que se substitúe polo 17 de maio, día das Letras Galegas.
Ademais, outros tres festivos de carácter nacional poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (que en 2021 se celebrará o 1 de abril), que Galicia non cambia tradicionalmente; e dáselle a opción ás comunidades entre o 19 de marzo e o 25 de xullo.
Sempre se elixe o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia, tal e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo, pero ao coincidir en 2021 en domingo (Ano Xacobeo), Galicia opta polo día de San Xosé, o 19 de marzo.
Informado o Consello da Xunta, a proposta de calendario laboral para 2021 terá que ser aprobada polo Consello Galego de Relacións Laborais. Posteriormente, cada concello terá que determinar dous días festivos máis para a súa localidade.
Calendario laboral de Galicia para 2021
FESTIVIDADE | DATA | DÍA DA SEMANA |
Aninovo | 1 de xaneiro | Venres |
Epifanía do Señor | 6 de xaneiro | Mércores |
San Xosé | 19 de marzo | Venres |
Xoves Santo | 1 de abril | Xoves |
Venres Santo | 2 de abril | Venres |
Festa do Traballo | 1 de maio | Sábado |
Día das Letras Galegas | 17 de maio | Luns |
Festa Nacional de España | 12 de outubro | Martes |
Día de Todos os Santos | 1 de novembro | Luns |
Día da Constitución Española | 6 de decembro | Luns |
Inmaculada Concepción | 8 de decembro | Mércores |
Nadal | 25 de decembro | Sábado |