Sin categoría

Nigrán abre o prazo para inscribirse nas dúas actividades divulgativas de San Xoán

O Concello de Nigrán ofrece unha programación alternativa para este San Xoán con dúas actividades divulgativas relacionadas coa natureza o 20 e o 23 e no que é imprescindible a inscrición previa ao estar as prazas limitadas por medidas de seguridade sanitaria (prioridade empadroados e asignación de prazas por orde de inscrición). Ambas están dirixidas polo educador ambiental Antón Lois.

Así, o sábado 20 de xuño pola mañá terá lugar a xornada divulgativa “A flora do ecosistema dunar de Praia América” para coñecer e conservar a flora do ecosistema dunar. A vexetación dos ecosistemas dunares constitúe unha mostra única e singular das adaptacións das plantas para sobrevivir nos lugares máis difíciles. Fuxindo da competencia conseguiron desenvolverse nun lugar imposible para outras especies. Poderíamos pensar que iso implica unha extraordinaria fortaleza, pero solo en parte pois viven xusto no límite vital e son especialmente fráxiles. Perdemos a maioría dos ecosistemas litorais, e con eles moitos espazos e especies que solo poden vivir neles, especies únicas que atopan no pouco que nos queda destes lugares o seu último refuxio. Nesta xornada coñeceremos estas plantas, as súas peculiaridades e as distintas maneiras coas que afrontan a vida nese lugar con condicións extremas. Coñecelas é un primeiro paso para implicarse na súa conservación. A xornada desenvolverase o sábado día 20 de Xuño ás 10:30 horas cunha duración aproximada de 2 horas. O punto de encontro é a Oficina de Turismo de Gaifar (Panxón) e é imprescindible realizar inscrición previa no mail comunicacion@nigran.org (prioridade empadroados, indicar no mail este dato).

O día 23 ás 18:00 horas en Camos (Xogo de Bolos, onda a Comisión de festas) terá lugar a xornada de identificación das Herbas de San Xoán para a que é preciso inscribirse previamente no mail secretariap@nigran.org con prioridade os empadroados no municipio (indicar no mail este dato). A duración aproximada é de 2 horas. Mellor sementar que arrincar. Máis alá das súas propiedades máxicas (que esto sempre é relativo) estas herbas son plantas silvestres, algunhas delas sensibles e ameazadas, que compre coñecer e poñer en valor a súa contribución a manter o equilibrio ecolóxico e o seu papel fundamental como indicadoras dun ecosistema ben conservado. Queremos facer unha proposta novidosa: e si, en lugar de colleitar as plantas, recollemos as súas sementes para facer na casa un pequeno viveiro de herbas de San Xoán? Podería ser unha boa alternativa para que manter as tradicións non sexa incompatible coa conservación da natureza.

Xa o propio día de San Xoán, 24 de xuño, o Concello ofrecerá no Porto de Panxón ás 13:00 horas o Concerto da Banda de Música de Vincios dentro do seu programa “Música nas parroquias” creado para manter a clásica verbena do mediodía nas festas patronais de cada barrio.