Os socialistas denuncian que a Xunta abre os parques infantís sen contar cos concellos

O PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra expresa a súa solidariedade cos alcaldes e alcaldesas que, unha vez máis, atópanse cunha Xunta de Galicia que lles informa vía Diario Oficial de Galicia de novas obrigas sen transferir un só euro para levalas a cabo.

O acordo da Xunta de Galicia polo que se autoriza a apertura dos parques infantís municipais establecendo condicións aos concellos como a limpeza e hixienización constante dos elementos de xogo infantís, a instalación de dispensadores de hidroxel e o control de aforo é un novo exemplo de improvisación desta Xunta de Galicia caracterizada pola confrontación constante co Goberno de España e pola ausencia total de diálogo e cooperación coa Administración local.

Os socialistas, afirma David Regades, pregúntanse se a Xunta molestouse en avaliar o impacto económico destas medidas ou de ofrecer aos concellos os medios persoais e materiais necesarios. “Trátase dun novo exercicio de eu invito e ti pagas, típico do Goberno galego”. “Volvemos reiterar que os concellos precisan dun apoio económico inmediato por parte da Xunta de Galicia coa creación dun Fondo Autonómico Extraordinario de 300 millóns de euros que mitigue os gastos afrontados polas arcas municipais”. Máis de tres meses despois dende o comezo do estado de alarma os municipios da provincia de Pontevedra só atoparon o apoio económico e técnico inmediato da Deputación de Pontevedra.

Como secretario xeral do PSdeG-PSOE da provincia expreso a miña solidariedade a tódolos alcaldes e alcaldesas da provincia, de tódalas cores políticas que, unha vez máis, vense obrigados a tomar medidas para saír do paso das improvisacións dunha Xunta de Galicia que, dende hai xa varios meses, adopta tódalas súas decisións en clave electoral e desprezando calquera fórmula de diálogo e cooperación coa Administración local.