Galicia dá por superada a fase 3 e levantará o estado de alarma a partir do próximo luns

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou este venres o acordo no Consello da Xunta de dar por rematada a fase 3 e anunciou que Galicia levantará o estado de alarma a partir do próximo luns, despois de que o Goberno central autorizase este mesmo venres á Comunidade a dar este paso.

“Facémolo avalados pola situación epidemiolóxica que temos desde hai 14 días e pola solidez dos datos sanitarios”, aseverou Feijóo, para logo concretar que, nos últimos 7 días, a taxa de incidencia por 100.000 habitantes cífrase en Galicia en 0,4, mentres a media de España é de 4,2.

Ademais, o titular da Xunta salientou que Galicia é, polo momento, a comunidade autónoma con menor taxa de incidencia por 100.000 habitantes de España. Así pois, despois de valorar a situación epidemiolóxica dos últimos 14 e 7 días e dado que o número de contaxios é 10 veces inferior á media de España de forma continuada nos últimos 14 días, o Goberno galego solicitou levantar o estado de alarma, dar por concluída a fase 3 e entrar nunha fase de seguimento sanitario. “Xa cunha serie de condicionamentos económicos e sociais máis permisivos”, engadiu.

Con todo, fixo fincapé en que superar a fase 3 non significa que se teña superado a pandemia: “A nosa situación epidemiolóxica permítenos seguir avanzando, pero en ningún caso pensar que o problema do coronavirus está solucionado. Convive con nós e o risco de rebrote é certo”, subliñou.

Así as cousas, o vindeiro luns Galicia abandonará a tutela do Goberno central e comezará unha nova etapa que estará rexida polo Real Decreto lei 21/2020 –o que concreta a chamada nova normalidade– e polas normas que dite o Goberno autonómico, dado que asume todas as normas en materia de saúde pública que considere pertinentes.

En concreto, as medidas preventivas recollidas nun acordo aprobado polo Consello serán publicadas este sábado no Diario Oficial de Galicia e terán vigor desde o vindeiro luns 15 de xuño. Deste xeito, o acordo recolle: a obrigatoriedade de medidas de hixiene e prevención esixibles a todas as actividades, tales como: labores de desinfección e limpeza; especial atención nas zonas de uso común; que se promova o pago con tarxeta; tarefas de ventilación periódicas; e medidas específicas dirixidas a centros comerciais, establecementos de hostalería e restauración, lugares de culto, piscinas ou actividades culturais, entre outras.

Limitacións do aforo

Nesta mesma liña, establécense limitacións de aforo: un límite de 60 persoas en espazos abertos e de 30 en pechados no caso de velorios, cun máximo de 75 na comitiva fúnebre. O mesmo 75% que será o máximo permitido en boa parte dos establecementos regulados, como locais e centros comerciais, onde as zonas comúns quedarán limitadas á metade do aforo. Mentres que nos bares, restaurantes, hoteis e aloxamentos turísticos o aforo será de 75%, salvo nas terrazas que se eleva ao 80%. E tamén se regulan museos, equipamentos culturais, actividades deportivas, bibliotecas ou piscinas, entre outros. “Sempre cumprindo a distancia de 1,5 metros e, se non é posible, será obrigatorio o uso de máscara”, matizou Feijóo.

No que se refire aos parques infantís, soamente se autorizarán os que se atopan ao aire libre por cuestións de precaución. E, no que respecta ás actividades deportivas (excepto a ACB e a Liga de Fútbol Profesional, que se reserva ao Goberno central), o aforo será do 75% cun límite de 300 persoas no caso de recintos pechados e de 1.000 no caso de recintos abertos.

Así mesmo, dado que se levanta o estado de alarma, o presidente da Xunta anunciou que decaen as limitacións de todos os dereitos fundamentais existentes e propios do estado de alarma, entre eles o límite para facer xuntanzas nos domicilios ou reunións familiares.

“Este é un proceso regrado e dinámico que vai estar suxeito ás condicións epidemiolóxicas de cada momento”, explicou Feijóo, ao tempo que matizou que os límites poden verse ampliados ou restrinxidos en función da situación epidemiolóxica. “Imos seguir avanzando con cautela e prudencia: levantar o estado de alarma non significa, en ningún caso, que se levantan as restricións sanitarias totais, senón que os dereitos fundamentais non quedan limitados en Galicia e que ampliamos os aforos, con carácter xeral, ata o 75%”, indicou.

Feijóo pedirá cautela na mobilidade nacional

Do mesmo xeito, avanzou que na vindeira videoconferencia co presidente do Goberno central e cos outros presidentes autonómicos, solicitará ao Goberno que estableza as cautelas necesarias para que a mobilidade dentro territorio nacional se contemple unha vez todas as comunidades autónomas estean na mesma situación epidemiolóxica.

Así mesmo, o titular da Xunta avogou por seguir actuando coa mesma cautela para non dar pasos atrás: manter a distancia de seguridade e a hixiene de mans, así como empregar a máscara se non se pode garantir esta distancia.

Ademais, lembrou que Galicia renderá este sábado unha sentida homenaxe ás 619 persoas que faleceron por mor da covid-19 desde o inicio da pandemia.

Anuncios