Sin categoría

O luns 15 reabrirán tres pasos fronteirizos entre Galicia e Portugal

O delegado do Goberno en Galicia informa da apertura de tres novos pasos fronteirizos entre Galicia e Portugal a partir do próximo luns. Así, desde o día 15 restablecerase a circulación, de luns a venres entre as 8 e as 22 horas, nos municipios de Arbo con Melgaço; Salvaterra do Miño con Monçao, e Tomiño con Vilanova de Cerveira.

Javier Losada subliñou a resposta positiva do ministro de Interior, Fernando Grande- Marlaska, á solicitude exposta polos municipios galegos nas últimas semanas co fin de favorecer a comunicación co norte de Portugal, tendo en conta que o fluxo habitual interrompeuse pola pandemia.

O delegado do Goberno valorou a sensibilidade do Goberno de España e do Ministerio de Interior, á vez que agradeceu a decisión que permite incorporar tres pasos fronteirizos aos que se manteñen abertos desde o inicio da crise sanitaria. Ata o de agora permitíase o tránsito entre fronteiras en Tui (Pontevedra)-Valença e Verín (Ourense)-Chaves. A estes dous pasos sumouse de maneira provisional durante as últimas semanas o de Calvos de Randín (Ourense) con Tourén.

Desta maneira frutifican tamén as conversacións que o delegado do Goberno mantivo nas últimas semanas coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño Transfronteirizo (AECT Río Minho) para analizar a situación. Naquel encontro, no que tamén participou a Cámara Municipal de Vilanova de Cerveira, Javier Losada escoitou as propostas de reapertura de fronteiras e comprometeuse a trasladar estas peticións ao Ministerio de Interior, que agora dá resposta coa reapertura de tres novos pasos fronteirizos.

Con iso, continúa o proceso de desescalada e o avance cara a unha nova normalidade que permitirá recuperar os fluxos de tráfico e a convivencia entre os veciños dos municipios fronteirizos de Galicia e Portugal.

Sempre dentro dos protocolos de seguridade e atendendo ás medidas adoptadas por cada país, Javier Losada avogou por favorecer a coordinación entre España e Portugal neste proceso para facilitar a comunicación, pero sempre garantindo a saúde das persoas.