Nort3D de Nigrán aumentou a súa produción diaria de pantallas faciais de 60 a 1.000 unidades

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a capacidade do tecido industrial galego para identificar novas oportunidades e reorientar a súa capacidade produtiva.

Durante unha visita á empresa Nort3D, no concello de Nigrán, Feijóo referiuse a esta compañía de enxeñaría como exemplo da aposta por novos proxectos; e máis concretamente, pola fabricación de pantallas faciais, un elemento de protección que está a ser imprescindible para que moitas empresas poidan garantir a seguridade dos seus traballadores e a dos seus clientes.

“Estamos a falar dunha empresa que non só non presentou un ERTE durante a pandemia, senón que converteu unha enorme dificultade nunha oportunidade e buscou novos produtos para dar resposta ás novas necesidades, apostando por producir material de protección; un proxecto que está a implementar para pasar das 60 pantallas diarias ás 1.000 actuais”, explicou.

Conscientes do papel fundamental do tecido industrial, Feijóo lembrou que unha das primeiras accións estratéxicas da Comunidade foi a de impulsar o deseño e fabricación de produtos de utilidade na loita contra a covid-19 e que contribúan a incrementar a prevención tanto a nivel sanitario como en materia de seguridade e saúde laboral.

Feijóo concluíu a visita “agradecendo o labor de todas as empresas que estiveron traballando para que poidamos agora abrir a economía de Galicia con seguridade; a todas as empresas que foron capaces de reinventarse e que atoparon un oco na economía para loitar e, ao mesmo tempo, beneficiar ao resto das empresas para que poidan producir con seguridade”, dixo, referíndose ás máis de cen empresas que na Comunidade están a producir este tipo de material.

Anuncios